O turismo, esquecido

“O turismo en Lugo aumenta, pero non polo esforzo do seu goberno”.

Así de rotunda se mostrou hoxe a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, quen salientou que resulta “inconcebible” a “desidia” con que as distintas administracións xestionan a capacidade de Lugo como motor e atractivo turístico malia ter aumentado un 3% o volume de visitantes entre o mes de xullo de 2017 e o de 2018 segundo datos do propio Concello.

Un dos problemas de base que sinala Pérez Herraiz é o da ausencia de sinalizacións axeitadas que informen ao turista sobre puntos ou rutas de interese. “Nin na A6 nin en ningun outro acceso á cidade hai sinal ningún do noso Patrimonio da Humanidade” lamentou, engadindo que “no centro de Lugo non están sinalizadas nin as oficinas de turismo nin os accesos para subir á muralla”. “A certas horas en pleno centro de lugo non son raros os turistas que deambulan perdidos preguntando enderezos e camiños á cidadanía” explicou.

Cristina Pérez lembrou que é “especialmente grave o caso do elevador de acceso á propia muralla que non conta coas necesarias sinalizacións para que sexa doado de atopar polos visitantes e cidadáns que o necesiten”. Un asunto onde “as eivas en materia turística se suman a outras non menos graves: as eivas en materia de accesibilidade, que Lugonovo xa ten denunciado anteriormente”.

A portavoz de Lugonovo acusou ao goberno municipal de manter “no limbo iniciativas como a proposta de Lugonovo, aprobada en pleno xa en 2015, para desenvolver unha rede de divulgación patrimonial da cidade arredor de seis itinerarios”. Unha iniciativa que permitía “percorrer o Lugo romano, medieval, moderno, literario e arquitectónico racionalista coa comodidade do propio teléfono móbil” lembrou, engadindo que “se ben aparecía vinculada aos Orzamentos de 2018, seguimos sen saber nada sobre os prazos de implementación hoxe en día”. “Moito tememos que se trate doutro episodio da parálise organizativa en que viviu sumido o Concello todo o presente mandato” aseverou, denunciando que esta situación “afecta ao conxunto da vida social e económica da cidade, en todos os campos”.

Pero non é unicamente o Concello de Lugo o responsable das carencias en materia turística, a xuízo de Lugonovo. Cristina Pérez sinalou a este respecto os problemas de augas que rexistrou o Museo Provincial no mesmo mes de xullo, o que pode comprometer incluso os fondos alá gardados.