Cristina Pérez denuncia que os sinais LED instalados en pasos de peóns non funcionan

“Parece que chegou o apagón tecnolóxico á cidade” ironizou hoxe a portavoz municipal de Lugonovo, Cristina Pérez Herraiz, sobre o feito de non funcionaren os sinais luminosas LED instaladas en senllos pasos de peóns na Avenida da Coruña e nas proximidades do colexio Divino Maestro. A iniciativa, vinculada á anterior edición dos Orzamentos Participativos, fora implementada en 2015 “no marco dunha operación propagandística de primeiro nivel do Concello ligado ao seu modelo de orzamentos participativos cosméticos”.

“Como se dunha sátira política se tratase, ao boato das inauguracións e a publicidade séguelles o abandono, o desleixo e, en última instancia, a avaría crónica” apuntou a portavoz de Lugonovo. Pérez Herraiz destacou que “se trata dunha instalación que prestaba un servizo necesario, por operar en pasos de peóns sen semáforos, próximos a centros escolares e caracterizados por picos de alta intensidade de tráfico” se ben “precisamente por iso debería ter sido iniciativa de oficio do Concello a súa instalación e maior difusión”.

Logo de saber da avaría a través das queixas que lle manifestaron veciñas e veciños, a portavoz municipal trasladouse á zona e comprobou que os sinais non se atopan actualmente operativos. Igualmente, puido comprobar que “a prometida sinalización LED da Piringalla non pasou de ser un proxecto no papel, como tantas outras cousas”. Para Pérez Herraiz, esta situación “evidencia a lexítima vontade do goberno por trasladar unha imaxe de aperturismo e xestión eficaz que, iso si, non se sostén sobre unha realidade material”.

“Atopamos demasiados proxectos mal implementados ou a medio instalar na cidade” lembrou “como é o caso do elevador sen sinalizar á Muralla” e tamén “un exceso de propaganda arredor dun modelo de orzamentos participativos que contempla partidas económicas moi limitadas”. Neste sentido, Cristina Pérez lembrou que o custo total do proxecto de sinalizacións LED foi de 10.000 euros, “unha cantidade pequena para un modelo de orzamentos participativos, pero moi grande para a instalación dun sistema inoperativo”.

Neste sentido, a portavoz municipal de Lugonovo reiterou que “hoxe tócanos facer unha crítica dobre: ao modelo propagandístico de Orzamentos Participativos que se ocupa máis da imaxe pública do goberno que da mellora profunda na calidade de vida das persoas que residen en Lugo, e á desidia dun goberno que non se ocupa de arranxar infraestruturas que previamente considerou máis que necesarias para a seguridade de peóns e condutores”.