O proxecto para o antigo Hospital Xeral: outra guerra bipartidista

Un espectáculo lamentable”.

Así definiu esta mañá Cristina Pérez Herraiz o cruce de acusacións entre PSOE e PP a respecto do extravío da documentación enviada pola Xunta de Galicia ao Concello de Lugo co proxecto de obra e petición de licenza para o antigo Hospital Xeral. A portavoz municipal de Lugonovo manifestou o “fastío” da formación ante “a enésima oportunidade aproveitada para enlearse nunha pelexa verbal en vez de atender ao problema de fondo”.

Logo das declaracións de representantes das formacións do bipartidismo, Pérez Herraiz esixiu a fin do estado de “guerra fría” en que ao seu xuízo teñen caído as relacións entre a Xunta de Galicia e o goberno municipal “que paga a cidadanía da Residencia e segue tendo un impacto negativo no centro de Saúde da Milagrosa”. Fronte ao inmobilismo dos dous grandes partidos, Cristina Pérez reclamou “a mínima cortesía institucional e vontade de traballo” que faga posible “acabar coa sobresaturación na atención sanitaria da Milagrosa, en malas condicións, e garanta o necesario PAC que a cidadanía luguesa leva moito tempo reclamando”.

Fronte a estas necesidades urxentes temos un mal guión de película de espías á caza do documento perdido” lamentou, un espectáculo “que compromete a credibilidade do Concello como institución” pero tamén a da Xunta de Galicia. Neste sentido, Pérez Herraiz acusou aos conservadores de utilizaren o goberno autonómico como unha extensión do seu propio partido. “Como é posible que o Partido Popular lugués acceda ao localizador dun envío de correos entre dúas institucións?” preguntou, sinalando o que considera “unha confusión inadmisible entre institución e partido”.

A portavoz municipal de Lugonovo lamentou que esta dinámica de enfrontamento “coas eleccións municipais de 2019 no punto de mira” se traduza nun “desleixo á hora de atender as propias obrigas cara á cidade de Lugo”, Puxo como exemplo o último episodio na xa “demasiado longa polémica do Garañón”, cando o Concello pediu á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia que aclarase como se debía executar as sentenzas do TSXG que implican a derruba do edificio, ao que o goberno autonómico se negou amparándose na inexistencia dun proxecto técnico municipal de demolición.

Por último, Cristina Pérez sinalou que “sucesos coma este serían moito menos frecuentes se por fin se implementase o modelo de administración electrónica”. A portavoz municipal criticou “un sistema que permite que documentos desta importancia desaparezan sen máis”, reclamando para iso das administracións “o mesmo apuro que teñen para sinalarse co dedo” para implementar o novo modelo.