Comisións de dez minutos sen orde do día no Concello

“Informes de xestión de 10 minutos en vez dun espazo de debate e comparación de proxectos e ideas para a cidade”

Iso é o que Víctor Álvarez Arias denunciou esta mañá ter atopado na Comisión de Seguimento do DUSI celebrada no Concello de Lugo. Un órgano de traballo municipal onde a alcaldesa Lara Méndez se limitou a repasar o estado dun total de catro proxectos vinculados a esta Estratexia sen entrar polo fondo nun debate construtivo sobre cada un destes.

“Case leva máis tempo contalo que vivilo”, sinalou o concelleiro de Lugonovo, para quen “as Comisións son un espazo importantísimo onde contrapoñer ideas e iniciativas que non atopan marxe no Pleno” e, se ben “é importante render contas do estado dos proxectos e expedientes”, isto non pode impedir “ir máis aló e convertelas nos espazos de corresponsabilización e implicación de todos os grupos na xestión municipal que deben ser”.

Na xuntanza de hoxe, segundo denunciou Álvarez Arias, o goberno local limitouse a expoñer a situación de catro proxectos ligados ao DUSI e á estratexia Muramiñae de achegamento da cidade ao río: o da pasarela sobre a estrada nacional, a descontaminación e a reforma do barrio do Carme, e os 16 quilómetros de carril bici. “No caso da pasarela do Anxo Carro, é especialmente grave porque na xuntanza previa pedimos que se reformulase a idoneidade do proxecto na súa fórmula actual xa que considerabamos que se trataba dunha solución inadecuada en orixe con custes e usos tamén pouco meditados” explicou. “Sen embargo, o goberno decidiu non meditar nada e continuar para diante ata que hoxe atopamos unha xuntanza esperpéntica de 10 minutos” engadiu, lembrando que “as Comisións son o lugar para dar o debate en profundidade sobre asuntos que afectan a toda a veciñanza”.

Para o concelleiro de Lugonovo, esta situación é consecuencia lóxica da desidia con que o goberno municipal xestiona a cidade. Unha actitude que acaba por menosprezar as institucións “e hoxe maniféstase nunha xuntanza á que acudimos como meros figurantes que non contaba, sequera, con orde do día”.