Caudal Fest: esiximos a comparecencia da alcaldesa pola opacidade do financiamento

“Fronte a unhas festas de toda a cidadanía e fronte ás persoas que traballan día a día pola cultura en Lugo, o Concello decidiu deseñar o seu propio modelo de festas sen sequera aclarar convenientemente o seu financiamento. É xusto que a alcaldesa se explique en pleno”.

Así resumiu hoxe Cristina Pérez Herraiz a situación que leva a Lugonovo a solicitar a comparecencia de Lara Méndez en pleno municipal. A plataforma dá este paso “ante o comportamento do Concello durante todo o verán no contexto da preparación da grande cita musical que acolle Lugo este mes de setembro: o Caudal Fest” e “ante o reiterado silencio en relación ás preguntas que dende o mes de xullo facemos sobre este”.

A portavoz municipal de Lugonovo referiuse ao financiamento do evento, destacando que “existen, debido á improvisación municipal, partidas económicas aprobadas e moi necesarias no seu destino orixinal que se verán parcialmente desviadas para sufragar o festival”. Entre as partidas afectadas, Pérez Herraiz identifica “o arquivo, con todos os seus problemas de funcionamento, os edificios culturais e os equipos informáticos do Concello”.“Falamos dun importe de 217.000 euros” destacou, aseverando que supón un “desvío de fondos innecesario se se tivera actuado cunha mínima previsión e recollido nos Orzamentos”. Por tanto, “Méndez ten que dar a cara sobre este tema como consecuencia da súa xestión”.

Cristina Pérez quixo lembrar, tamén, a fórmula de asignación do evento “que nos xera todo tipo de dúbidas”. “A subvención directa e excepcional sen espazo para a concorrencia nin maior xustificación da necesidade de utilizar unha fórmula tan opaca é unha medida que a alcaldesa debería explicar ante os outros grupos da corporación” salientou.

Eventos necesarios mal implementados
Trátase dun tipo de evento cuxa celebración en Lugo é positiva para Lugonovo, “que desexa situar a cidade no mapa mundial de actos desta clase”, como salientou a portavoz municipal. “O problema dáse, como neste caso, cando a improvisación e o despilfarro se dan a man” engadiu Pérez Herraiz, sinalando “os custes que ten facer as cousas tarde e mal”.

“Para o mundo organizado da cultura en Lugo, un festival de concertos multitudinarios que cadra coa data dunha cita asentada coma o Festiblás e a menos de dúas semanas do San Froilán é máis unha mazada que un balón de osíxeno” sinalou Cristina Pérez, lembrando que “ao non ter en conta ás persoas que traballan pola cultura de base en Lugo, a alcaldesa acaba deseñando o seu propio modelo de festas, que non é, por desgraza, o mesmo que as festas da cidadanía”.

“É tal o cúmulo de tachas que se poden poñer ao proceder da alcaldía que, como forza de oposición comprometida coa cidade, só podemos pedir a comparecencia da máxima responsable desta desfeita” resumiu Cristina Pérez. Trátase de que “responda entre outras cousas á batería de preguntas que fixemos o 24 de xullo por rexistro: cales son as obrigas de financiamento do Concello respecto ao festival, por que valor, se existe algún tipo de responsabilidade municipal nos resultados de venda de entradas e por que se negaron a organizar un grande concerto que servise para quentar os motores do San Froilán”. Por último, Cristina Pérez considerou que nesta comparecencia “Lara Méndez debe responder tamén, punto por punto, a todas as dúbidas que expresamos nesta comunicación pública, que se resumen así: por que actuar de forma tan tardía, improvisada e irresponsable?”.

World Padel Tour
A portavoz municipal non esqueceu a outra grande cita do mes en Lugo, desta volta de carácter deportivo: o World Padel Tour. “As críticas que se poden facer a como se organizou este evento son semellantes” lamentou. “Reiteramos que Lugonovo apoiará sempre a celebración de eventos de alto nivel en todas as categorías na cidade, sempre que se organicen con sentidiño” engadiu.

“Sentidiño que non atopamos por ningunha parte” indicou Pérez Herraiz pondo como exemplo “o inxustificado desvío de fondos para o mantemento dos edificios deportivos  ando se trata dunha cita anunciada desde xaneiro que podía ter tido o seu espazo orzamentario propio no canto de obrigar a unha modificación de crédito de 121.000 euros”.

Ademais, o Concello utilizou como fórmula de asignación un contrato de publicidade que pagará os custes do World Padel Tour “en base a un informe que asegura medio millón de euros de retorno do investimento en Lugo fronte ao millón que os seus altofalantes se encargan de espallar pola cidade”. Unha incoherencia “que sementa dúbidas sobre a boa fe do executivo municipal ao contradicir os seus propios informes con afán propagandístico”. “Informes, ademais, asinados por persoal non competente para iso como é o persoal de confianza” destacou.