Lugonovo insta ao Pleno a secundar as mobilizacións do persoal da CRTVG e a pular pola creación do Consello de Informativos

En venres e vestida de negro, para manifestar simbolicamente o apoio de Lugonovo ás reivindicacións dos traballadores da CRTVG, a portavoz do Grupo Municipal rexistraba esta mañá unha proposición na que insta ao Pleno a secundar as mobilizacións do persoal da Compañía en defensa duns medios de comunicación públicos de calidade e independentes.

“Vimos de presentar unha iniciativa para que o Concello de Lugo dea traslado á Xunta, ao Parlamento de Galicia e á CRTVG da necesidade de crear, dunha vez por todas, un Consello de Informativos que vele pola obxectividade da canle, así como do imperativo de renovar canto antes ao seu Director Xeral, que se mantén no cargo, a nomeamento discrecional do PP, dende 2009 cando debería ter sido elixido pola maioría de dous terzos do Parlamento”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da formación lembra que o dominio gubernamental sobre os medios públicos quedou manifestamente explícito este ano co anuncio da nova programación.
“Non só desapareceu o Diario Cultural, tal e como fora concibido, senón que tamén se suprimiron as desconexións territoriais de maneira que os contidos locais serán seleccionados directamente dende San Marcos. Un aumento do control informativo que non resulta aleatorio senón que se fai coincidir cos meses previos ás eleccións municipais”.

Pérez Herráiz considera igualmente preocupante o progresivo desmantelamento que a devandita Corporación está a facer na promoción do galego e que, tal e como ven denunciando o propio Comité Intercentros, se traduce na ausencia de programación divulgativa específica e na merma dun departamento lingüístico que non pode asumir a supervisión da inxente produción externa que chega ao centro emisor.

“Todo iso nun contexto de conflitividade laboral e de redución do persoal fixo que propicia que se infrautilicen os medios propios e se aposte pola externalización. Cuestións, todas elas, que non poden resultar indiferentes para as administracións locais entendendo que os medios de comunicación públicos, como eixo dunha sociedade democrática, deben ser plurais e independentes e así queremos que o defenda esta institución”, conclúe Cristina Pérez.