Caudal Fest: o goberno debe dar a cara

Tres anos atrás falaron ás urnas e a Lugonovo tocounos, por decisión cidadá, un papel non menor: a fiscalización da acción gobernamental nun sentido progresista e democratizador. Ser unha voz crítica no Concello que axude a optimizar o funcionamento da institución cun só obxectivo: mellorar a vida da veciñanza luguesa. Durante estes tres anos temos cumprido, con todo o acerto de que somos capaces, ese papel, e seguirémolo a facer. Esa responsabilidade institucional é a que nos levou esta semana a reclamar a comparecencia da alcaldesa en pleno.

Sabemos que unha reclamación así nunca é neutra: sempre adoita ter un custe político, ben para quen a fai, ben para quen responde a ela. Pero non entramos nun cálculo curtopracista ou electoral senón nunha lóxica moi distinta: a do servizo público. Nós aspiramos a representar as persoas e iso implica representar e defender tamén outro tipo de festas e de lecer: o vinculado ás asociacións, ás persoas que fan cultura desde abaixo, a todas as veciñas e veciños que ateigan as nosas rúas en datas coma o San Froilán, que este ano se intentou preparar, inutilmente, cun gran concerto a iniciativa do Concello. Inutilmente porque a prioridade do goberno municipal foi outra: o Caudal Fest.

Quero deixar moi claro que Lugonovo non se opuxo á celebración deste festival nin de calquera outra cita cultural semellante. Opuxémonos ao escaso don de oportunidade do goberno, contraprogramando outras iniciativas asentadas nas mesmas datas, e ao escurantismo que rodeaba o seu financiamento. Financiamento que finalmente soubemos, moi a destempo -pois as nosas preguntas ao respecto foron rexistradas hai mes e medio-, que viría a través dunha subvención excepcional e directa: a dedo, por dicilo dun xeito claro.

Non só iso. Os cartos que o Concello alegremente distribuía sen ningunha previsión de ingreso e, o que é máis grave, sen ningún tipo de concurso, saen de partidas que consideramos máis que necesarias. O Arquivo Municipal, cuxos problemas merecerían un artigo aparte, é un dos afectados polo desvío sorpresa. Unha decisión que só afondará na parálise institucional que vimos denunciando durante tres longos anos.

Os servizos informáticos do Concello tamén vén reducida a súa asignación. A calquera persoa que traballe cos servidores municipais, a noticia faralle baixar un calafrío polas costas. Traballar no Concello pode ser, demasiado habitualmente, un exercicio de paciencia ante as constantes caídas do sistema.

E non esquezo a partida para o mantemento dos edificios culturais, outra das que sofre o desvío de cartos para o Caudal Fest. Cando se recorta en algo tan básico como a conservación do patrimonio, córrese o risco de abandonalo á súa sorte. O terrible suceso recente no Museo Nacional do Rio de Janeiro, coa perda de boa parte da memoria histórica, antropolóxica e cultural do Brasil nun incendio, convidan a tomar estes temas máis en serio.

Calquera destas cousas é preocupante dabondo. Todas xuntas, unha neglixencia patente na xestión municipal. Lugo merece explicacións, e merece que se dean no lugar onde se representa a vontade da cidadanía. Se queremos rescatar as institucións do seu descrédito, da súa inoperancia e do seu práctico secuestro, temos que ser valentes no día a día. Niso estamos.

 

Cristina Pérez Herraiz,

portavoz municipal de Lugonovo.