Arrinca o noso proceso de Primarias

A Asemblea de Lugonovo deu luz verde na súa xuntanza da noite de onte ás primarias para a confección da lista electoral mediante a aprobación dun regulamento que rexa o proceso. Desta maneira, o conxunto de persoas inscritas da plataforma cidadá tiveron a ocasión de definir as pautas do proceso que protagonizarán en todo o momento polo cal se constituirá unha candidatura electoral plural, de progreso e ampla base.

O regulamento aprobado recolle unha exhaustiva normativa que velará pola equidade e xustiza do proceso. Trátase dun conxunto de directrices que regulan aspectos como as formas de concorrer ás primarias, as características que se atribúen á figura das persoas candidatas ou mecanismos de corrección de xénero para garantir a presenza equitativa na lista electoral de ser preciso, entre outras.

O calendario aprobado divide o proceso en dúas partes diferenciadas en tempo e obxectivo, correspondendo a unha primeira fase a escolla da persoa que encabezará á lista electoral e por tanto será a candidata ou candidato de Lugonovo á alcaldía. Nunha segunda etapa deseñarase o conxunto da lista electoral.

Na primeira fase, que se abre coa celebración desta asemblea, establécese o día 26 de setembro como a xornada de votación das primarias para escoller á persoa que encabezará a lista electoral, logo de teren sido presentadas as candidaturas durante o día 21 e tendo pechado o censo de persoas inscritas, e por tanto con dereito a voto, o día 20.