Sabotaxe institucional: a Xunta acaba coa revitalización da Residencia

Nin comisaría, nin centro de emprendemento aeronáutico, nin tampouco oficina de emprego ou xeriátrico… nada que non garde relación cun uso sanitario.

Lugonovo denuncia que a determinación do goberno autonómico de cancelar a retrocesión da utilidade dos inmobles que conforman as instalacións do vello Xeral deu ao traste cos plans previstos para revitalizar o barrio da Residencia.

“Unha vez máis podemos comprobar cal é o valor que teñen as promesas dos dirixentes políticos do PP, que non escatiman en propaganda para anunciar con grandes algaradas un dos proxectos de maior envergadura para o concello nos últimos tempos e para estragalo, iso sí, con outro sixilo e aleivosía, pola porta de atrás”, reprocha a portavoz do Grupo Municipal.

Cristina Pérez Herráiz cualifica o acontecido de “sabotaxe institucional”, sinalando que resulta imposible sacar outra conclusión ao botar man da hemeroteca. “En xullo de 2017 Núñez Feijoo e Fátima Báñez asinaban un acordo, nun acto que hoxe cobra maior sentido como representación teatral, para reverter a cesión de varios edificios do antigo complexo hospitalario á Tesourería da Seguridade Social coa fin de poder mudar a súa empregabilidade. Sen embargo, o 31 de maio, cando se estaba tramitando a moción de censura presentada por Pedro Sánchez, nese momento, o executivo galego anula, ás présas e sen advertencia nin argumentación ao respecto, o protocolo aprobado”.

“Fieis ao seu estilo. Pouco importa torpedear o futuro dunha cidade con tal de impedir que os réditos da actuación os amortice a oposición. Velaí o que lle importan ao Partido Popular o progreso do país e a mellora da calidade de vida da súa poboación”, lamenta Pérez Herráiz.

A voceira afea que a Corporación non tivera coñecemento do sucedido ata esta mesma mañá durante a xuntanza da Mesa da Residencia, convocada a instancias de Lugonovo. Tralo encontro, os asistentes acordaron solicitar unha reunión urxente co máximo responsable da Consellería de Facenda. “Agardamos que sexa capaz de dar algunha explicación sobre os motivos desta decisión que, cremos, porá en perigo o horizonte dun dos barrios máis emblemáticos da capital e traerá consecuencias para todo o municipio”, conclúe Cristina Pérez, ao tempo que refire que tamén agardan a que se lles traslade información sobre os termos do convenio que a institución local está a piques de firmar para desenvolver o Centro Integral de Saúde e dentro do cal, posiblemente, se inclúan novas exencións do IBI á Xunta.