Novembro de 2018 … Cen anos de Manifesto Nazonalista

Lugonovo proprorá no vindeiro Pleno que o Concello deseñe e organice varias actividades para conmemorar o centésimo aniversario da Asamblea Nacionalista e a creación do seu Manifesto.

“O próximo 18 de novembro cumprirase un século deste acontecemento promovido polas Irmandades da Fala do que xurdiu o documento fundacional do nacionalismo galego. Estamos seguros de que esta efeméride terá a atención que lle corresponde en toda a comunidade mais cremos que, para a nosa cidade, resulta de fundamental importancia ao ser onde tivo lugar o encontro”, sinala Victoria Esteban Riesco.

A concelleira explica que a formación aposta por unha celebración colectiva, recolledora das diversas posicións e sensibilidades, unificada e integradora das distintas iniciativas institucionais e populares que poidan concorrer, tanto dende o ámbito galego como do provincial e local.

“Cuestións como a autonomía municipal, a cooficialidade dos idiomas, a igualdade de dereitos para a muller, as competencias autonómicas, ou a chamada soberanía estética, a ordenación do territorio e a protección do patrimonio e da paisaxe, foron asuntos abordados por aquelas xentes, nunha proba de intelixencia e coñecemento do país, con actuacións que aínda hoxe manteñen vixencia e conforman o conxunto das preocupacións compartidas por todos ou case tódolos partidos desta Corporación e que obrigan a un entendemento e a unha colaboración”, refire Esteban Riesco.

“Que entre os asinantes do Manifesto figuren persoas como Castelao, Villar Ponte, Xaime Quintanilla ou Ánxel Casal, dá unha idea da transversalidade e pluralismo de orixe do referido evento. Unha diversidade que, nos gustaría, quedase reflictida agora tamén na execución desta iniciativa”, subliña a edil.

Conferencias, debates, traballos biográficos, xornadas específicas e mesmo a posibilidade de editar unha publicación coas referencias históricas e as conclusións obtidas, son algunhas das suxestións que Lugonovo pon sobre a mesa para artellar o que, agardan, sexa unha “proposta común da sociedade lucense para homenaxear un dos fitos de maior transcendencia política e cultural de Galicia”, conclúe Victoria Esteban.