A candidatura de Cristina Pérez Herraiz someterase a referendo entre as persoas inscritas en Lugonovo

A portavoz municipal de Lugonovo Cristina Pérez Herraiz anunciou hoxe a súa presentación ás primarias de Lugonovo, optando así a encabezar a lista electoral nas municipais do vindeiro ano. As 308 persoas inscritas na plataforma cidadá teñen agora a oportunidade de avaliar a súa candidatura baixo a forma de referendo nunha votación que se desenvolverá ao longo do mércores 26 de setembro.

Cristina Pérez, logo de tres anos exercendo a representación cidadá no Concello, presenta así a súa candidatura para optar á alcaldía de Lugo. A portavoz municipal afirma que é necesario que Lugonovo canalice a voz da veciñanza descontenta co actual estado da cidade “porque un Lugo máis accesible, máis sostible, onde sexa máis fácil vivir e convivir, é posible e tamén necesario”.

Finalmente, a candidatura de Pérez Herraiz será a única que concorra nesta primeira fase das Primarias. Isto significa que a votación tomará a forma de referendo con tres posibilidades para as tres centenas de inscritas e inscritos: a favor, en contra e en branco.