¿Por que o goberno non aclara se o CD Lugo legalizou a grada Fondo Sur do Anxo Carro?

Lugonovo vén de solicitar acceso ao expediente urbanístico da grada Fondo Sur do Anxo Carro para tratar de esclarecer se a estrutura foi regularizada, un ano despois de que o Concello emitira un decreto dándolle un prazo máximo de tres meses ao Club Depotivo Lugo para iniciar o procedemento de legalización.

“A orde era de outubro pasado e requiría á sociedade deportiva, como promotor, ou á Xunta de Galicia, como propietaria, para que no seguinte trimestre, presentaran comunicación previa ou iniciaran a tramitación da autorización para as obras feitas sen título habilitante. De non axustarse ao tempo, corrían o risco de ter que derrubalas, e asumir o seu custo”, lembra Víctor Álvarez.

O edil do Grupo Municipal sinala que, tras rexistrar varias preguntas sobre este asunto nas Comisións de Pleno deste mes, as respostas facilitadas polo executivo “só foron evasivas que acrecentaron as dúbidas que xa tíñamos ao respecto”.

“O equipo do goberno non foi quén nin de afirmar con rotundidade que os permisos foron solicitados pero tampouco de explicar por qué, non sendo así, a instalación aínda segue en pé”, indica Víctor Álvarez quen cuestiona se semellante falta de tutela pode ser intencionada.

“A nosa estrañeza é maior – abonda o concelleiro – cando, ante a incertidume xerada, contrastamos a información facilitada polo responsable de Desenvolvemento Sostible nos departamentos correspondentes e os técnicos nos confirman, unha vez máis, que seguen sen ter coñecemento de que se cursara xestión algunha”.

Por outra banda e, ante a aparencia de provisionalidade que amosa a construción, Álvarez Arias sinala que a formación tamén buscará coñecer o contido dos informes municipais que certifican a súa seguridade. “Queremos comprobar que a bancada conta con tódalas garantías e que o acontecido en Vigo, durante o Marisquiño, non sucederá en Lugo por mor da neglixencia institucional”, conclúe.