Traballando por facilitar o acceso á vivenda

No pleno municipal do 27 de setembro debateuse unha moción do Partido Popular para crear unha oficina de asesoramento ás persoas propietarias de vivendas ocupadas. Entendendo que unha oficina centrada nunha situación que non é, no contexto da cidade de Lugo, o principal problema da vivenda, Lugonovo emendou a proposta co texto que segue:

Instar ao Goberno Municipal a crear no Concello de Lugo unha oficina de asesoramento en materia de vivenda encargada de informar á cidadanía das axudas para o alugueiro, tanto municipais como das procedentes doutras administracións, así como para orientar aos propietarios afectados por ocupacións irregulares e, a través da cal, tamén se posibilite a promoción do parque inmobiliario baleiro da cidade, dentro do mercado de arrendamento.

Coa aprobación da nosa emenda, Lugonovo conseguiu dar o primeiro paso para resolver algúns dos problemas realmente acuciantes para a cidadanía luguesa en matería de vivenda, como é o descoñecemento -baseado na nula ou pouca publicidade que o Concello fai- das axudas existentes en materia de alugueiro. Lembramos que na última convocatoria deste tipo, no mes de xullo, só se deron atendido 88 de 419 solicitudes. Trátase dunha urxencia en materia de benestar social e dereito á vivenda que resulta especialmente grave cando Lugo é terceira cidade do Estado en porcentaxe de vivenda baleira: unha de cada cinco.