San Eufrasio tamén forma parte da cidade. Reivindicamos maior atención municipal para esta rúa de Lugo.

Vivendas en estado ruinoso, beirarrúas cheas de maleza nas que apenas queda espazo para camiñar, pasaxes accesibles que non o son e infraestruturas antigas e inseguras… É a fotografía da rúa San Eufrasio, entroncamento fundamental da capital co Camiño Primitivo e tamén un dos enclaves máis deprimidos da cidade, que esmorece por falta de atención municipal.

Lugonovo insta ao goberno a atender as necesidades da zona, emendando o abandono que padece.
“Xa para comezar, á perigosidade que entraña a topografía e o tráfico da contorna hai que engadirlle a presenza de silvas que ameazan con chegar á calzada, especialmente no treito comprendido entre o cruzamento co barrio da Chanca e o Carril dos Indios. Atrancos para o viandante que se complican aínda máis naqueles pasos especialmente habilitados para mellorar a mobilidade peonil pero que, pola súa configuración, acaban dificultando os desprazamentos”, indica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal fai alusión así á rampla que se atopa a altura do edificio número 45 onde, pola súa pendente e estreiteza, resulta intransitable en cadeira de rodas ou cun carriño de bebé, “coa única opción alternativa de ter que invadir a estrada para continuar traxecto”, engade.

Por outra banda, a conexión deste enclave coa Avenida das Fontiñas deixa, segundo a voceira, “moito que desexar”.

“Para salvar a altura entre un barrio e outro só hai unhas escaleiras, completamente cegas, sen apenas visibilidade e cheas de graffitis, nas que moitos aproveitan esta privacidade que ofrece para empregalas como váteres públicos, polo que a sucidade é constante. Desembocan nun camiño cunha pequena varanda como único elemento de protección fronte ao elevado desnivel que mantén cos terreos limítrofes o que convirte a costa nun auténtico foco de perigo” di Pérez Herráiz.

“Deficiencias, todas elas, que o executivo debe corrixir canto antes se quere evitar que o deterioro desta parte do concello vaia a máis ou que a cidadanía sufra algún percance”, conclúe a portavoz.