A valía do noso patrimonio esixe dun protocolo específico que garanta a súa protección

Crear un protocolo de actuación para a Policía Local no que, dentro do mesmo, se inclúa a vixilancia e custodia do patrimonio municipal, como unha tarefa específica á que é preciso dedicar esforzos e efectivos concretos. Esa é a proposta que reitera Lugonovo ante a evidencia de que resulta necesario e urxente incrementar os coidados e a protección aos elementos artísticos e históricos da cidade.

“O acontecido este fin de semana na Fonte de San Vicente así o demostra. Este non é o primeiro ataque que sofre o monumento e, posiblemente, tampouco será o último”, lamenta Cristina Pérez Herráiz ao tempo que apela á responsabilidade das administracións para que desenvolvan un papel moito máis activo e interveñan, dentro das súas posibilidades, na concienciación cidadá.

“A principal ferramenta de prevención do vandalismo debera ser a sensibilización da poboación. Sen embargo, parellos a estes mecanismos, cómpre artellar outros capaces de persuadir punitivamente deste tipo de condutas violentas e vexatorias como á que vimos de asistir”, di a voceira da formación.

Lugonovo amósase contraria a outras iniciativas encamiñadas a implantar sistemas de videovixilancia na vía pública por considerar que resultan moito máis complexas, debido á tramitación que conlevan e aos permisos cos que debe contar a súa instalación, ademais de tratarse dunha medida que pode colidir co dereito á privacidade e intimidade das persoas.

“O que convén é ter máis axentes a pé na rúa, facendo un labor de disuasión efectivo. Unha Policía de proximidade e non unha virtual que só teña como misión sancionar con posterioridade o que lle revela, na distancia, un monitor”, conclúe Pérez Herráiz.