O goberno recúa coa ordenanza mordaza: vitoria cidadá

A cidadanía luguesa e os partidos progresistas como Lugonovo acaban de obrigar ao goberno lugués a recuar no deseño dunha normativa que degradaría as liberdades públicas e individuais no noso Concello. É un triunfo da tolerancia, do civismo e de toda a veciñanza”. Así resumiu Cristina Pérez Herraiz o panorama aberto logo da renuncia, manifestada pola alcaldesa, á aprobación do proxecto anunciado de Ordenanza Cívica, non sen lamentar que “novamente, a alcaldesa volve utilizar a prensa para adiantar informacións que non proporciona polas canles adecuadas ao resto de grupos políticos”.

Fomos o primeiro grupo político que saiu publicamente en contra do proxecto” rememorou a portavoz municipal de Lugonovo e candidata á alcaldía, destacando que “a regresión democrática que representaba, guiada por un afán represivo e recadatorio” foi a principal obxección da plataforma cidadá.

Tratábase dunha “ordenanza que batía frontalmente co máis elemental sentido común e incluso redundante coa lexislación xeral, que tampouco é precisamente moi aperturista” sinalou a portavoz. O panorama dunha cidade onde “a multa e o castigo campasen libremente a discreción das forzas de seguridade e orientadas fundamentalmente á penalización das persoas socialmente excluídas” era “aterrador”, en palabras de Pérez Herraiz, quen se felicitou de “ter evidenciado a soidade, pola banda esquerda, do partido no goberno mentres insista en imitarse ao PP”.

Fronte a un modelo represivo, Lugonovo propuxo no seu momento, e recupera hoxe en día, o chamamento a “abordar os problemas da cidade mediante unha aposta pola intervención social e asistencial, facendo fincapé en medidas de organización económica e de divulgación e concienciación cidadá”.