Na xornada dedicada ao Camiño Primitivo, reclamamos para el mellor atención e coidados os 365 días do ano

Lugonovo reclama máis atención e mellores coidados para o Camiño Primitivo. Na xornada dedicada ao Ben Mundial, dentro das festas do San Froilán, o Grupo Municipal pon de manifesto varias eivas das que adoece unha das principais rutas a Compostela.

“Dende recuperar e visibilizar a toponimia tradicional e actualizar a sinalización de todo o itinerario ata incrementar a limpeza, a frecuencia da recollida do lixo e o aseo dos colectores, pasando por potenciar a integración do conxunto histórico – artístico na contorna urbana… son moitas as actuacións que quedan aínda por desenvolver para poñer en valor, coa distinción que merece, esta parte do noso patrimonio local”, subliña a voceira.

Cristina Pérez Herráiz refire, entre outras cuestións, a necesidade de simplificar o tendido eléctrico presente no vieiro, especialmente dende Castelo de Arriba e ata San Eufrasio. “Nos pouco máis de cinco kilómetros dos que consta este traxecto puidemos contar case un cento de postes, moitos deles, cremos, completamente prescindibles e que deberían ser suprimidos para rebaixar o impacto visual e ambiental que ocasionan” indica, sinalando como exemplo que só diante do albergue da Chanca se contabilizan ata cinco destas estruturas.

A formación organizaba días atrás, contando coa colaboración e participación do investigador e filólogo medieval Ricardo Polín, un percorrido pola zona para coñecer, en detalle, a transcendencia histórica desta arteria de comunicación e cultural así como os déficits que a condicionan.

“Resultounos negativamente significativo que a maioría dos mananciais que atopamos durante a andaina se deixaran secar e esmorecer. Mesmo o da Regueira, que data do século XVIII, non serve máis que como testo para hedras e malas herbas, mostra do abandono que o botou a perder”, destaca a portavoz ao tempo que advirte que as fontes da Porta Miñá ou de San Froilán levan trazas de correr a mesma sorte. “Conviría conectalas á traída para que recobrasen a súa utilidade, algo que, por outra banda, sería ben agradecido polos peregrinos”.

Pérez Herráiz sinala igualmente que debido á falta de supervisión é posible atopar, en distintos emprazamentos da etapa, muros perimetrais de formigón que contraveñen a normativa en vigor, moi estrita, para áreas protexidas coma esta.
“Considérase que este tipo de construcións agreden a paisaxe e contribúen a diminuír a percepción da valía que ten a nosa arquitectura popular, poñendo en perigo, ademais, a súa integridade”, lamenta a voceira.

Acondicionar, tan sequera, o pavimento do Carril das Frores, punto de conexión do Camiño coa Muralla, reservando un espazo para o peón que garanta a súa seguridade, ou devolver á capela da Virxe do Carme o protagonismo que lle corresponde son outros dos aspectos sobre os que, a xuízo da agrupación, as administracións deben intervir. E foron tamén, simbólicamente, as pezas dun milladoiro reivindicativo que Lugonovo ergueu no cruzamento desta rúa coa travesía do mesmo nome.

“Cremos que esta senda, ao seu paso pola cidade, carece da atención institucional debida. E hoxe, especialmente hoxe, cando o Camiño Primitivo é o protagonista das celebracións patronais, queremos poñer de manifesto a necesidade de que os organismos públicos se ocupen e preocupen durante todo o ano da súa conservación”, conclúe Cristina Pérez.