O San Froilán, vítima, un ano máis, dos mesmos erros do goberno

Lugonovo afea ao goberno pola nula capacidade que amosou ao non corrixir, tampouco nesta edición, algúns aspectos das celebracións patronais que levan anos sendo moi mellorables.

“O caos de circulación que afecta a toda a cidade e o libre albedrío ao que asistimos en materia de aparcamento, froito da carencia de prazas, son unha constante, outubro tras outubro, sen que o executivo reaccione a tempo e evite todas estas complicacións”, sinala a voceira do Grupo Municipal.

Cristina Pérez Herráiz apunta, para comezar, a unha sinalización deficiente e inapropiada. “Para os visitantes, os estacionamentos disuasorios e a conexión co transporte público era algo case descoñecido mentres que para a veciñanza os problemas de tráfico foron continuos dende o primeiro día. A ordenación da contorna do feiral foi un despropósito en sí mesma. Algunhas das rúas estiveron parcialmente inhabilitadas estas dúas semanas co conseguinte transtorno no tráfico, o que tampouco se viu mellorado por outras medidas coas que se acompañaron estas restricións e así o demostra, por exemplo, a advertencia provisional de reservado a buses en Celso Emilio Ferreiro que, ante a falta de vixilancia, ninguén respectou e que propiciaba que os autocares apearan aos viaxeiros no medio da calzada causando aínda maiores prexuízos”.

Pérez Herráiz destaca tamén a falta de previsión na planificación dalgunhas actuacións musicais concertadas. “Ademais de solaparse con outros espectáculos programados para a mesma hora, algo que xa ven sendo cotiá non só nestas festas senón en todas, o concerto de Skintinght, na xornada do venres 5, tivo que trasladarse á Praza da Soidade por falta de corrente eléctrica dispoñible na Rinconada do Miño. E falando de ausencia de dotacións, o que xa nos parece de todo inexplicable é que se mantivera fóra de servizo a área reservada para persoas con mobilidade reducida na Praza de Santa María. Gustaríanos saber qué obxecto ten gardar un espazo, moi necesario por outra banda, para logo mantelo acordoado e inutilizado”, refire a portavoz.

“O San Froilán xa empezou con mal pé cando se indicaba no programa que o Pregón sería no Salón de Sesións do Consistorio e non no balcón, polo que varias persoas tiveron que ser desaloxadas do Concello a onde entraran para asistir á lectura”, sinala Cristina Pérez quen insta agora ao equipo de goberno a presentar, canto antes, o balance económico dos festexos así como os datos relativos á demanda que tiveron os buses nocturnos e a atención dispensada nos puntos violetas ou espazos seguros, impulsados por Lugonovo no Pleno de setembro de 2017.