Porque a vellez non debera ser sinónimo de soidade

Atallar os falecementos en soidade e evitar o illamento social das persoas maiores. Ese é o obxectivo da proposta que Lugonovo levará ao vindeiro Pleno Municipal.

“Máis do 26% dos fogares galegos está composto por unha soa persoa e ao redor da metade deses moradores supera a barreira da xubilación”, explica Cristina Pérez Herráiz. “Se ben é certo que non existen datos oficiais sobre o número de pasamentos vencellados a estas circunstancias, si é posible estimar que a cifra na comunidade pode superar as 200 mortes ao ano. E aínda que o despoboamento do rural é un factor determinante, a realidade é que as cidades, incluída a nosa, non son alleas a esta problemática”, refire a portavoz en alusión aos casos detectados o pasado mes de marzo cando foron atopados, respectivamente, nas súas vivendas, os cadáveres dun home de 83 anos nunha casa de Vilachá de Mera e o dunha muller de 70 nun piso da capital.

A terceira idade constitúese como un dos colectivos de poboación máis vulnerables aos que non só afecta a perda de saúde e o signficativo aumento da pobreza que propiciou a crise económica, senón tamén a invisibilización das súas condicións de vida e das súas inquedanzas. “O que non deixa de ser unha nova forma de exclusión”, considera Pérez Herráiz.

“Dende Lugonovo vemos necesario a realización, en primeiro lugar, dun estudo para detectar qué porcentaxe de poboación maior de 65 anos vive soa no noso concello, sendo susceptible de atoparse nunha situación de risco para, a continuación, proceder á elaboración dun sistema de detección, valoración e intervención que permita previr o seu illamento ou os óbitos en señardade”, afirma a voceira.

A medida proposta pola formación plantexa a coordinación de recursos entre os Servizos Sociais municipais e sanitarios coas familias, o sistema de voluntariado e outros axentes sociais, tendo como finalidade a incorporación dos usuarios, se fora preciso, aos programas de teleasistencia, axuda no fogar ou ao resto de ferramentas existentes.

“Proxectos como o do “Bo Veciño”, densenvolvido inicialmente pola administración local de Barcelona para potenciar as actitudes solidarias e de cooperación no marco das redes veciñais, ou o intercambio xeracional mediante a convivencia de maiores de 60 anos co estudantado universitario do municipio, poden ser algunhas das accións a poñer en marcha ou retomar e que deberan ir asociadas a outras actuacións como a especialización dos centros de día para posibilitar a atención axeitada aos autónomos fráxiles ou mesmo a organización de campañas de sensibilización cidadá”, suxire Cristina Pérez.