Os orzamentos autonómicos para Lugo: un trampantollo!!

“É unha magoa que non haxa eleccións cada ano… é a única maneira de que Lugo figure, para o Partido Popular, dentro do mapa galego”. Cristina Pérez Herráiz reduce os orzamentos autonómicos para o 2019 a unha “táctica propagandística e partidista” por parte da Xunta.

A portavoz do Grupo Municipal congratúlase de que, despois de tanto tempo agardando, por fin se acheguen investimentos para proxectos como o Centro Integral de Saúde, no barrio da Residencia, ou a Autovía Nadela – Sarria, mais lamenta que se sigan a esquecer partidas para actuacións tan importantes e demandadas como a Rolda Leste ou o Centro da Romanización en San Fernando.

“Cero absoluto para ámbalas dúas infraestruturas é un desprezo semellante a outorgar 30.000€ para a Estación Intermodal ou os sempiternos 450.000€ que irán a parar ao potencial peto do Plan Paradai”, afea Pérez Herráiz.

A formación destaca, así mesmo, o carácter “ficticio” do montante local que arroxan os presupostos e cualifica de “desvergoña” que se inclúa neles unha consignación para o Auditorio.

“Resulta ofensivo que o señor Feijoo pretenda enganárno-lo ollo e nos diga que gastará 400.000€ en rematar o edificio cando ese diñeiro, e moito máis, xa o pon a cidadanía lucense. E non só iso, senón que, grazas á marabillosa xestión que fixo a alcaldesa, o executivo galego aínda recibirá a maiores, como propina polo bo trato e consideración que nos dispensa, un millón e medio de euros, diferenza entre o que custa equipar a dotación e o que se aforra coa exención do IBI. Cartos que, dende Lugonovo, lle pedimos, teña, cando menos, a honestidade de descontar para falar con realismo das contas que a Xunta bota en Lugo”, conclúe a voceira.