Primeiro compromiso do goberno cumprido! A ampliación das axudas ao alugueiro xa dispón de orzamento.

Lugonovo amosa a súa satisfacción porque esta mañá se aprobara o suplemento de crédito que amplía a contía da convocatoria para as axudas de alugueiro, unha das propostas que a formación levou ao Pleno o pasado mes de xullo. “O trámite superado esta mañá implica que, cunha boa xestión, parte das 150 solicitudes que quedaron en lista de agarda poderán ser atendidas”, felicitouse a súa portavoz logo de lembrar que á primeira convocatoria se presentaron 419 peticións e só 88 puideron recibir a prestación pese a que a metade das que se descartaron por falta de orzamentos cumprían cos requisitos establecidos nas bases de concorrencia.

Por outra banda, a formación acadou tamén a unanimidade para a súa iniciativa de crear un protocolo municipal contra o illamento social das persoas maiores que viven soas no Concello coa fin de previr e atallar situacións de risco e falecementos en señardade.

Cristina Pérez Herráiz explicou durante o Pleno que Galicia combina dúas situacións demográficas bastante peculiares. Por unha banda, unha natalidade moi baixa que leva un cuarto de século sen conseguir incrementar a poboación e, pola outra, unha lonxevidade que sorprende a científicos de todo o mundo e que nos sitúa á beira dun clásico como Xapón.

“Ambos factores unidos fan que a sociedade galega teña unha media de idade moi alta sen que ás veces esa mesma sociedade estea preparada para afrontar as súas consecuencias”, sinalou a voceira.

“Datos como que máis da cuarta parte dos fogares da comunidade son unipersoais, unha cifra que chegará a un terzo do total en 2031, obrigan – cremos – as administracións a prestar moita máis atención a estas circunstancias. O que hoxe propoñemos é poñer en marcha unha iniciativa que permita, primeiro, identificar, mediante un estudo, a realidade na que se atopan os maiores do noso Concello, tanto na cidade como na extensa área rural para, a continuación, poder elaborar un protocolo encamiñado a previr as situacións de perigo mediante accións de detección temperá, seguimento e coordinación de recursos sociais, sanitarios, familiares e veciñais. Debe ser un traballo persistente no tempo e, moi importante, servir para a sensibilización e a formación específica e continua dos profesionais aos que atingue pero tamén a todo o conxunto da poboación en aspectos relacionados coa exclusión, os problemas médicos, etc. É importante ensinar á veciñanza a coidarse mutuamente, non por inoperancia ou abstención das institucións, senón porque son a primeira liña de actuación nestes casos. Non debéramos consentir que ninguén estea ou se sinta só nunha cidade habitada por 98.000 persoas”, subliñou Cristina Pérez.