A estrada a Bascuas: un campo de minas!

A portavoz de Lugonovo define como un campo de minas a situación na que se atopa o asfaltado da pista que comunica a estrada da Fonsagrada con Bascuas.

“Apenas é medio quilómetro, pero non hai recuncho da calzada na que non apareza unha fochanca. Algunhas son tan fondas que nelas colle a roda dun coche, o que ademais de conlevar que o vehículo poida sufrir danos materiais, representa un perigo para os residentes neste núcleo que só dispoñen desta vía para chegar ás súas vivendas”.

Cristina Pérez Herráiz cualifica de “inaceptable” o estado no que se atopa a dotación e cre que o seu deterioro é equiparable á falta de mantemento que, en xeral, padecen o resto de infraestruturas do rural.

“A conservación da rede viaria das parroquias é o mellor reflexo de que a veciñanza de Lugo se divide en cidadáns de primeira e de segunda categoría. Xa non é só que á meirande parte das aldeas se lles neguen servizos imprescindibles como o saneamento da auga ou unha mínima cobertura de telefonía, senón que as administracións tampouco poñen o máis minimo interese en garantir a seguridade vial fóra da contorna urbana”.

“Cómpre tomar medidas e tomalas xa – advirte a voceira do Grupo Municipal – antes de que a climatoloxía invernal remate por degradar completamente este camiño, por iso presentaremos un rogo nas vindeiras Comisións de Pleno instando ao goberno a acometer a reparación do seu pavimento coa fin de recuperar unhas condicións óptimas para a circulación”, conclúe Pérez Herráiz.