A precariedade actual no corpo de bombeiros pode ter graves consecuencias para a cidade

38 efectivos e tres de baixa, para unha cidade de case 100.000 habitantes, sen mandos que coordinen e dirixan ao persoal e coa incerteza planeando sobre a convocatoria de prazas anunciada en agosto polo goberno.

“A situación na que se atopa o corpo de bombeiros de Lugo é alarmante e o papel que está a desempeñar o executivo cando menos imprudente, neglixente e irresponsable”.

A portavoz de Lugonovo esixe que se retome o proceso, actualmente paralizado, e se cubran, canto antes, as 12 vacantes previstas no parque municipal, co agravante de que as 6 pertencentes á Oferta Pública de Emprego de 2015 poderían perderse se non se resolven antes de que finalice este ano.

“A esta precariedade cómpre engadir que os bombeiros, tal e como acaban de anunciar, non farán ningunha hora extraordinaria máis, salvo que a rexedora as impoña por decreto como aconteceu durante o San Froilán coa Policía Local. Unha medida de presión que, dende Lugonovo, apoiamos ao compartir o sentido e a urxencia das reivindicacións destes profesionais”, di Cristina Pérez Herráiz.

A voceira da formación comina, ademais, á alcaldesa a poñer orde “inmediatamente” nas múltiples frontes que mantén abertas en materia de recursos humanos.

“Como se está a demostrar, a súa falta de xestión non só pon en perigo a actividade da administración en xeral e mesmo a continuidade da Escola de Música, senón que, neste caso, pode traducirse tamén nun suceso de graves consecuencias para a cidade”, advirte Cristina Pérez. “Quizais a señora Lara Méndez estea esperando a ter algunha traxedia que lamentar para poñerse a traballar con seriedade neste asunto”, conclúe.