O desleixo volve perigoso o parque Marcos Cela

“Non sabemos se o goberno está a facer un esforzo especial por ignorar o mantemento das zonas verdes da cidade pero no parque Marcos Cela a deixadez opta a premio porque a lista de despropósitos que acumula son un suma e segue”.

Así se refire a portavoz de Lugonovo á progresividade coa que avanza o deterioro do principal recinto axardinado no sur da capital.

“Varias pezas do peche de madeira que salva o desnivel entre o sendeiro e a ladeira desapareceron en, polo menos, tres localizacións distintas do camiño e tamén os precintos que advertían da súa ausencia, de maneira que agora mesmo non hai nada que impida a posible caída dalgún transeúnte”, explica Cristina Pérez Herráiz. “Ademais, o valo é inestable noutros moitos puntos abaneandose perigosamente só con apoiarse sobre el”.

A voceira da formación advirte igualmente que o paseo da pérgola resulta intransitable ao sufrir a perda de moitas lastras “o que converteu un dos enclaves máis fermosos deste espazo nunha charca de importantes dimensións, imposible de atravesar nos días de choiva”.

Cristina Pérez urxe ao executivo a solucionar todas estas eivas que poden dar pé a situacións de risco para os usuarios e que contribúen a afear a imaxe de Lugo e a trasladar unha estampa de abandono e neglixencia institucional. “Bo reflexo disto é que o panel explicativo que fai referencia á información paisaxística do parque soporta, dende hai moito tempo, tal cantidade de pintadas que resulta imposible descifrar ningún dos seus contidos”.

“Instamos ao equipo de goberno a corrixir, canto antes, todas estas deficiencias primeiro para garantir a seguridade da cidadanía e logo para evitar que, por mor do desleixo, se agrave aínda máis o seu estado de conservación”, conclúe a portavoz do Grupo Municipal.