Reclamamos a posta en valor da mámoa de San Cibrao

Lugonovo quere que o Concello poña en valor a mámoa situada na nova parcela de estacionamento municipal, ao carón do Hula.

“Solicitaremos ao goberno que instale un panel informativo para contextualizar o túmulo funerario e a súa datación histórica dentro do rico complexo megalítico que se atopa na zona”, indica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal pedirá igualmente que a administración local inste ao executivo autonómico a desenvolver outras accións para destacar a valía do devandito sepulcro prehistórico. “Poderíase realizar unha mostra cultural ao respecto do conxunto de achados que se atopan na contorna, dentro do espazo expositivo habilitado aos efectos, no recibidor do centro sanitario”, indica Pérez Herráiz.

Cómpre subliñar que a medorra se atopa incluída no inventariado de xacementos arqueolóxicos da Xunta xunto a cinco máis que forman a área de protección do monte de San Cibrao. No seu caso concreto trátase dun monumento recente (3000 a.c., en comparación cos 6000 a.c. do máis antigo) aínda que, en termos absolutos, é anterior a outras necrópoles referenciais da humanidade como a pirámide de Gizeh en Exipto.

A formación reivindicou para ela, dende un principio, o cumprimento efectivo da lei galega que delimita un espazo de protección integral de 200 metros, fronte ao simple peche de madeira en perímetro de 5 metros que se levou a cabo.

“Dos oito enterramentos dos que se compoñía tan singular cemiterio apenas quedan media ducia en desigual estado de conservación e gravemente afectados polas obras do Hospital, os aparcamentos e os viais necesarios para dotalo de servizos – explica a voceira. As medoñas restantes, a pesares de estar catalogadas, foron destruídas polo que sería unha mágoa non aproveitar a existencia e coñecemento desta para difundir, proxectar e potenciar o extenso patrimonio que pertence á cidadanía lucense”, conclúe Cristina Pérez.