Os bandazos políticos botarán a perder a Estación Intermodal

“Un pasiño p’adiante María… e tres pasiños p’atrás”! A voceira de Lugonovo cre que as grandes infraestruturas da cidade evolucionan a ritmo de merengue, “dando voltas e voltas para entreter pero sen avanzar”.

Cristina Pérez Herráiz alude así ao inesperado xiro que parece dar o proxecto para a Estación Intermodal de Lugo.

“Hai que ter ben pouca vergonza para vender como un éxito en novembro de 2018 un protocolo que existe dende o 2010, o que quere dicir que, á vista das prestacións das que dispoñemos, na última década ningún dos gobernos de ningunha das administracións foi capaz ou ben de entenderse ou de traballar conxuntamente en beneficio deste concello”.

Á marxe da conveniencia que poidan ter os distintos deseños presentados para erguer a dotación, a portavoz do Grupo Municipal advirte que esta última pirueta deixa ao descuberto dúas cousas. “A primeira é que os compromisos desaparecen cando muda a cor política o que, a sete meses das eleccións locais, non deixa de xerar unha fonda desconfianza e, segundo, que, en contradición co que intenta trasladar a alcaldesa, cada vez, a alta velocidade, ou case mellor, a entrada de Lugo no século XXI das comunicacións ferroviarias, está máis lonxe de ser unha realidade ca nunca”, lamenta Pérez Herráiz.

Millonarios investimentos en apeadoiros pantasma pero unhas conexións terceiromundistas incapaces de vertebrar axeitadamente a provincia gardan, para a formación, unha sospeitosa semellanza coa xestión que se está a facer do Plan Integral para o barrio da Residencia, “no que as promesas de novos e mellorados servizos acaban sendo foguetes de artillaría electoral sen que nada reverta en prol da cidadanía”, conclúe Cristina Pérez. “Agora queda agardar e agardar, como aquela outra canción, e non darse por vencidos”.