Rego da Laxe, unha encrucillada que precisa outro ordenamento do tráfico

Lugonovo solicitará ao Gabinete Municipal de Tráfico que revise a ordenación do tránsito no cruzamento que comunica a Estrada Vella de Santiago coa Rúa Rego da Laxe e estude a posibilidade de modificala.

“A afluencia de vehículos incrementouse de forma notable neste emprazamento, especialmente dende que se abriron nas inmediacións as novas conexións coa autovía a Compostela. A isto que hai que engadir que a configuración urbanística compromete, en parte, a visibilidade da circulación en varias das direccións permitidas o que deriva en situacións de inseguridade viaria”, indica Víctor Álvarez.

O edil suxire varias posibilidades: “ou ben facer unha miniglorieta, que require menos espazo e o seu acondicionamento é construtivamente máis sinxelo, ao tempo que pode supoñer até un 30% menos de sinistralidade con relación ás insterseccións convencionais; ou ben modificar a preferencia para que teñan prioridade de paso os automóbiles que proceden da Ponte Branca, como xa se fixo no seu día na Praza da Milagrosa, para regular o acceso á mesma dende Yáñez Rebolo e a Rúa Mallorca, ou en Doutor Gasalla coa R/das Anduriñas.

A formación trasladará ao goberno, así mesmo, unha petición para que mellore a sinalización da encrucillada, “concretamente para advertir aos condutores de cómo saír cara a Nacional VI xa que non é posible apreciar o desvío ata estar case enriba del”, apunta Álvarez Arias.

O concelleiro referiu xa noutras ocasións a carencia de dotacións públicas na Estrada Vella de Santiago que convirte esta parte da cidade nun perigoso escenario para os viandantes. “A partir do Rego do Espiño non existe nin a primeira beirarrúa, as cunetas están cheas de maleza, a iluminación brilla pola súa ausencia e por non ter, non hai sequera unha marquesiña de bus baixo a que poidan gorecerse os usuarios do transporte público”, reprocha Víctor Álvarez ao tempo que esixe máis atención da administración local para a zona.