Indignados ante a pretensión do PP de converter o Salón de Plenos nun escenario da precampaña

“¡Non teñen vergonza!” A portavoz de Lugonovo non escatima en críticas á hora de cualificar a proposición que o Partido Popular pretende levar ao vindeiro Pleno Municipal para solicitar a creación da nova Comisaría de Policía nas instalacións do vello Hospital Xeral.

“Por suposto que queremos unha Comisaría, alí ou onde sexa, e tamén o resto de actuacións incluídas no Plan Integral para revitalizar o barrio da Residencia. Agora ben, a hipocresía, o fariseo e a cara dura do PP ao rexistrar unha moción coma esta non ten límites”, di Cristina Pérez Herráiz.

“¿Pero canto tempo estiveron eles no goberno?”, profire abraiada a voceira da formación ao tempo que recrimina aos Populares que aproveitaran o último día de mandato para boicotear o proxecto previsto para a zona. “No canto de axilizar a tramitación do convenio, preferiron botala a perder con tal de entorpecer e, sobre todo, impedir que un executivo doutra cor política puidese sacarlle máis réditos á iniciativa. Primeiro non teñen escrúpulo ningún para supeditar o interese xeral ao partidista e logo non dubidan en botar man da demagoxia na maior evidencia do que só se pode considerar como un insulto e unha ofensa a toda a cidadanía”.

“Xa tardaba en agromar a verdadeira esencia do Partido Popular – reprocha Pérez Herráiz, agora semella que quixeran levar os mitins da precampaña ao Salón de Plenos, algo que, dende Lugonovo non lle imos tolerar. Xa só a intención parécenos miserable e inmoral”.