O Concello debe garantir a salubridade dos alimentos que se comercializan nas festas

“Imos ter que convidar a Alberto Chicote ao Arde Lucus e ao San Froilán, a ver se así o goberno admite as competencias que lle corresponden sobre o control sanitario dos alimentos e comidas que se comercializan nas festas”.

Cristina Pérez Herráiz explica que a responsable de Cultura botou balóns fóra cando, na Comisión do mes de xullo, Lugonovo lle preguntou polo número de inspeccións realizadas ao respecto durante as celebracións locais.
“A súa resposta foi que esa era unha tarefa da Xunta e que cría que a estaba a realizar. Agora demóstranse dúas cousas, a primeira, que Lugonovo non ía desencamiñado cando dicía que esta atribución, polo menos inicialmente, lle pertencía a administración local e a segunda, e máis preocupante e importante de todas, que, á vista da contestación, ningún dámbolos dous organismos levou a cabo esa supervisión nunca”.

O Real Decreto 199/2010, de 26 de febreiro, polo que se regula o exercicio da venda ambulante e non sedentaria, recolle no capítulo III, artigo 7, que os concellos que autoricen esta práctica dentro do seu propio termo municipal deberán vixiar e garantir o debido cumprimento polos titulares das autorizacións do preceptuado no devandito RD así como noutras normas que resulten de aplicación.

“O que quere dicir – sinala a portavoz da formación – que son as institucións locais as que teñen a potestade para realizar ese labor de comprobación e se, como pode ser no caso de Lugo, non contan con medios para desenvolvelo, entón poderán delegalo na Consellería de Sanidade, solicitándoo por escrito. E iso será o que lle pediremos ao executivo que faga”.

Dende Lugonovo consideran que esta inspección resulta sumamente importante en tanto é o garante que teñen os consumidores sobre a trazabilidade e as cualidades de conservación deste tipo de produtos, que permanecen varios días expostos ao público para a súa venda, en condicións de aglomeración e sometidos a temperaturas que poden propiciar a proliferación de bacterias, “caldo de cultivo de moitas infeccións”, conclúe a voceira.