Conta atrás para despedir a fenda dixital no rural

Preto do 4% dos fogares galegos non teñen acceso á banda ancha. Un ránking que encabeza a provincia de Lugo, sinaladamente o seu rural, que ostenta o peor rango de toda España en canto a cobertura de redes fixas.

¿O motivo? A baixa rendibilidade que ten para as grandes operadoras despregar o ADSL e a fibra óptica en aldeas como poden ser, por exemplo, A Puga ou Vilaverde, cun censo dun único residente, ou nas de A Laxe, O Xestal, O Vilar ou Os Silgueiros onde viven tres persoas.

En total, o Ministerio de Industria recoñecía, para este 2018, 312 zonas brancas NGA dentro do termo municipal, ou o que é o mesmo: aquelas localizacións que nin dispoñen de tecnoloxías de nova xeración, nin tampouco da previsión para a súa implantación por algunha compañía nun prazo de tres anos en base a programas de investimento cribles.

Ante esta situación, Lugonovo proporá no vindeiro Pleno que a administración local asuma a tarefa de rachar coa fenda dixital.

“Queremos que sexa o Concello, ben solicitando á subministradora actual da conexión nas dependencias municipais da capital, ben convocando un novo concurso ou a través de calquera outro mecanismo que considere axeitado, o que provexa das infraestruras necesarias aos distintos centros socioculturais das parroquias para posibilitar que conten con Internet de calidade. E pediremos tamén que, tralo cumprimento do anterior, estenda esta prestación a tódolos núcleos, adscribíndose, se fora preciso, aos distintos plans institucionais de modernización tecnolóxica que estean nese momento en vigor”, explica Víctor Álvarez Arias.

A formación considera que falar de obxectivos como o asentamento da poboación, a posta en valor do sector primario ou garantir o seu relevo xeracional semellan aspiracións un tanto ilusas se non se prestan á cidadanía servizos elementais como o saneamento e abastecemento da auga, se as infraestururas viarias se manteñen decimonónicas ou se a súa veciñanza nin sequera pode comunicarse sen atrancos co resto do mundo.

“Entre outros prexuízos, estanse a limitar os recursos educativos para a mocidade e a comprometer a viabilidade das explotacións”, asegura Álvarez Arias quen apunta que “se isto non cambia, proxectos que xa se desenvolven noutras rexións como os pastores virtuais para controlar o gando, a teledetección de enfermidades en reses, a prevención dos ataques do lobo ou mesmo a subministración enerxética de instalacións remotas seguirán sendo ciencia ficción na nosa terra”.

Para Lugonovo non caben xa máis escusas. “As administracións botan man de argumentos como a complexidade que impón a orografía ou a dispersión xeográfica para razoar esta falta de dotacións, pero se O Courel, referente dámbalas dúas realidades, instalou WiFi hai unha década cun investimento de 250.000 euros, cremos que no noso Concello sintonizar as parroquias coas TICs non debera ser un imposible”, conlcúe Víctor Álvarez.