25 de novembro- Normalizar o espazo

Este 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, e calquera outro dos 365 días que conforman o ano, reivindicamos o noso dereito, como mulleres, como seres humanos, a habitarmos o espazo público e privado en igualdade de condicións.

O espazo público é unha construción xeográfica e cultural da que cada sociedade histórica se dota para desenvolver, nel, o conxunto de relacións produtivas, políticas, sociais, económicas, afectivas, etc… que a configuran, unifican e fan posíbel. Cada unha destas sociedades determina, mediante o rol que asigna a cada individuo en base a unas características predefinidas polos seus propios prexuízos e estruturación interna, o dereito de acceso e uso de cada persoa ao mesmo. Nesta asignación desigual, ás mulleres relegóusenos a un uso subsidiario do espazo público. Alterouse o noso normal desfrute do mesmo.

O espazo privado, que é pouco máis que unha reconstrución a escala persoal do público, rexiuse pola mesma regra. Unha miríade de violencias enguedelladas e fundidas ergueuse como ferramenta de dominación e garante dunha división de xéneros que precede, configura e excede a división social do traballo, da riqueza e dos dereitos.

Cuestionémonos que sociedade queremos.

O 25 de novembro pon sobre a mesa a ritualidade en que deveu boa parte da actividade política. Unha dinámica autorreferencial que poucas veces procura a cerna dos problemas, e aínda menos veces consegue resolvelos. As mulleres non habitamos o espazo público nin privado con normalidade. Habitámolo de prestado. Conquistamos, nun enfrontamento de trincheira, pequenos espazos seguros onde se pretende, como nunha reserva, que desenvolvamos a nosa vida.

Pero os espazos seguros, as pequenas cousas, non perduran cando as vagas de voluntarismo ou atención social devalan. É imposíbel mellorarmos a nosa vida como mulleres se non conquistamos o dereito ao uso e desfrute do espazo público e privado en igualdade de condicións. Se non conseguimos deixar atrás a dialéctica da resistencia que nos comina á valentía, á excepcionalidade e á resposta individual. Queremos ser seres humanos, valentes e covardes, alegres e tristes, combativas e apáticas. Non queremos ser heroínas por romper muros, por camiñar por rúas escuras, por respostar a un piropo. Non queremos que as nosas vidas sexan unha carreira de fondo onde sempre andar alerta.

Cómpre mudar moito a educación, a mentalidade

Para conseguir unha sociedade onde non teñamos que resistir as violencias, primeiro, temos que cambiar a forma en que esa sociedade se concibe a si mesma e aos xéneros que construiu. Esiximos traballar nesa mudanza de valores, nesa transformación integral do relato social e de xénero con que modelamos ás persoas de mañá, pero tamén de hoxe. Desenvolvamos o marco normativo existente e inutilizado, como a Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007. Ensinemos a pensar en igualdade a todas as profesións. Inculquemos en todos os niveis do ensino o respecto e cuestionemos, para que se cuestionen, os roles de xénero que estamos transmitindo á nosa mocidade. Vai ser un camiño longo, non sempre claro e cheo de relanzos. Pero non hai outro que nos leve cara á sociedade que queremos: a dun espazo común, público e privado, onde as mulleres poidamos sentirnos seguras e, a partir de aí, sentirnos como nos pida o corpo.