A CS-5 zona verde? Si, pero co aval técnico sobre a súa viabilidade

Lugonovo presentaba hoxe, canda o resto de grupos da oposición, unha proposta conxunta para solicitar a realización dun estudo de alternativas para a modificación puntual da CS-5, logo de que o goberno anunciara que levaría unha moción ao vindeiro Pleno para catalogar a unidade como zona verde.

“Contradicindo ás afirmacións da alcaldesa, que sempre acusa á oposición de non ser capaz de chegar a acordos, os portavoces dos grupos que integramos a Corporación Municipal, agás o PSOE, vimos de rexistrar unha iniciativa conxunta para que o Concello de Lugo, realice, con medios propios, un estudo das opcións máis viables para repoñer a legalidade urbanística nas Costas do Parque e derrubar o Garañón”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación indica que, entre os termos do acordo que se promove, figuran, como criterios prioritarios, que a intervención teña a menor incidencia económica posible para as arcas municipais, que acade a conversión en zona verde da maior superficie posible e que supoña o menor impacto visual da edificabilidade resultante, “no caso de que esta exista”.

“Dende o primeiro momento – lembra Pérez Hérraiz – e concordando con que esa deba ser a cualificación que teña esta área da cidade dentro do PXOM, parécenos unha temeridade, especialmente á vista dos antecedentes, tomar unha determinación en firme sen contar coas oportunas valoracións das repercusións que poida ter, por unha banda na capacidade de reclamación do promotor das torres e, pola outra, nas vivendas e viais que forman parte da contorna e que puideran verse afectados por unha resolución nese sentido”.

“Por iso cremos que a opción que presenta o executivo debe vir acompaña dun estudo previo e dos informes correspondentes coa fin de garantir que as consecuencias para a o Concello serán as mínimas”, di a voceira.

Os diferentes partidos coincidiron igualmente en esixir que se avance con rapidez e decisión para dar cumprimento aos ditames xudiciais que xa existen ao respecto.