A deficiente conservación das dotacións viarias, un perigo para a cidadanía.

Lugonovo denuncia o estado calamitoso no que se atopa a conservación da maior parte da rede viaria da cidade e advirte do perigo que conleva para a poboación, “até o punto de comprometer a seguridade da veciñanza”, advirte Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación sinala que nas últimas horas o goberno vén de asinar dous decretos estimando sendas reclamacións patrimoniais por dúas caídas en pasos de peóns debido, precisamente, ao deterioro destas dotacións.

“Unha foi como consecuencia dunha greta, sita na zona de cruzamento da Rúa Vilalba co Carril dos Loureiros e, a outra, por un tropezo na confluencia da Avenida da Coruña con Isidro Labrador debido ao desnivel que presentaba a tapa dun sumidoiro con relación á calzada, polas que a administración deberá aboar agora 2.028 euros e 262€, respectivamente – refire Pérez Herráiz – accidentes e indemnizacións que, cun correcto mantemento público, se poderían ter evitado”.

A voceira de Lugonovo destaca o tempo no que se demorou o Concello para atender as solicitudes, que datan a primeira de febreiro de 2017 e a outra do mesmo mes pero de 2016, e repróchalle ao executivo a excesiva lentitude coa que a institución local está a resolver tanto as deficiencias nos barrios como tamén as queixas da cidadanía.

“Non é admisible que se tarde máis de dous anos en dar resposta a un requirimento deste tipo como tampouco o é o abandono e desleixo que sofre todo o municipio onde practicamente se pode dicir que non hai rúa que non precise dalgunha intervención”, conclúe Cristina Pérez.