2000 anos de historia merecen outros coidados

Coincidindo co 18 aniversario da Muralla como Patrimonio da Humanidade, Lugonovo reclama máis e mellores coidados para a parte da cidade que se atopa ao carón do monumento.

“Lonxe do que se agarda dun Ben Mundial, a súa imaxe interior deixa moito que desexar. Invadida pola maleza e rodeada de edificacións que amosan un estado ruinoso, o termo desleixo é o que mellor define o envés da construción”, sinala Cristina Pérez Herráiz.

A denuncia do Grupo Municipal vai acompañada dunha chamada de atención ao executivo para que, coa maior celeridade, acondicione estes espazos ao tempo que sinala os importantes prexuízos que a falta de conservación está a provocar incluso na “percepción coa que marchan os e as turistas que visitan o noso concello”.

“Xa non se trata só dunha cuestión estética senón tamén de salubridade – destaca a portavoz – cando nos referimos, por exemplo, a vivendas como as sitas na rúa Cidade de Viveiro ou mesmo á que ocupa o número 48 da Ronda da Muralla. Inmobles que están a piques de caer e que supoñen un perigo para a cidadanía tanto polo deterioro que padecen como polo estado de abandono e sucidade dos soares que ocupan”.

A voceira da formación lamenta, por outra banda, que até o momento non houbera transcendido nada sobre os traballos realizados para acadar a extensión da declaración da UNESCO a todo o Casco Histórico, unha proposición que Lugonovo levou ao Pleno de abril de 2017.

“É o síntoma máis evidente de que neste ano e medio non se fixo nada na procura desta distinción, como tampouco se moveu un dedo para acadar que a Muralla se sinalice nas autovías e no resto da rede viaria do país”, reprocha Pérez Herráiz.

“Hoxe é un día de celebración pero tamén debera ser unha xornada na que reflexionar sobre como a administración local está a desenvolver as competencias que ten sobre a protección do patrimonio e a súa posta en valor”, conclúe a portavoz, “unha tarefa que lle cualificamos cun cero”.

Dende Lugonovo afean, asemade, que as propostas de goberno para festexar a conmemoración se centren só en aspectos lúdicos deixando de lado a faceta cultural inherente ao carácter bimilenario do monumento.