Dez meses incumprindo a Lei de Contratos. ¿Por que ao goberno local non lle gusta a transparencia?

Lugonovo advirte que o goberno local está a incorrer en importantes incumprimentos da Lei de Contratos. Ademais de non publicar ningún expediente menor dende hai 10 meses, tampouco figura entre a documentación das adxudicacións a obrigada certificación do que leva facturado cada unha das empresas que realiza traballos para o Concello.

“Opacidade interesada e encubrimento. É o que transmite con este proceder”, di Cristina Pérez Herráiz ao tempo que subliña que a falta de información aludida contravén o estipulado polo artigo 118.3 da LCSP.

“Se ben si figura nas propostas de gasto que o órgano competente valida que o empresario non subscribira outras licitacións que superen, individual ou conxuntamente, as cifras previstas para un único contrato menor no mesmo exercicio orzamentario (sendo 40.000 euros o tope para as obras e 15.000€ para o resto de tipoloxías), non hai maneira de poder comprobar que esto sexa realmente así porque, o dossier en papel que se pon á nosa disposición, non contén nin o primeiro dos xustificantes que o demostre”, lamenta a portavoz.

Pérez Herráiz insta á responsable da área económica a corrixir con dilixencia estas irregularidades. “Non se trata dunha cuestión voluntaria senón dun deber que, coma o resto de administracións, a de Lugo tamén ten que acatar e máis cando unha das finalidades que motivaron a modificación da normativa foi a de mellorar a transparencia. Sen embargo, dende o 9 de marzo, día que entrou en vigor o novo marco legal, non hai maneira de seguirlle o rastro aos contratos menores. ¿Por que será?”, cuestiona a voceira.