Praza e Mercado esmorecen froito do desinterese municipal

Máis dun millón de euros investidos na súa remodelación e, sen embargo, a Praza de Abastos e o Mercado seguen sen converterse nun espazo comercial de referencia na cidade. A falta de atención municipal é, para Lugonovo, a principal causante das eivas que condicionan o seu atractivo.

“Para comezar, a cristaleira da entrada non é transparente, senón opaca. Non dubidamos de que o edificio se limpe a diario pero hai aspectos que deben cuidarse máis e este é un deles” – refire Víctor Álvarez – “como tamén o é facilitarlle aos produtores un mobiliario axeitado para poñer os alimentos á venda, e non é o caso. Os cabaletes que sosteñen os taboleiros de exposición son tan febles que moitos acaban partindo e outros resisten grazas aos enxeños dos comerciantes que deben recorrer a cordas para termar das patas e que a mesa non se lles veña abaixo. Non sempre o conseguen, todo hai que dicilo”.

O edil da formación pide corrixir estas deficiencias e artellar un plan para revitalizar o recinto, proxectar o seu potencial entre os consumidores e garantir o relevo xeracional.

“A imaxe que ofrece é, moitos días, desoladora, porque boa parte dos postos, aínda sendo novos, están desertos. Cómpre sacar de novo as concesións que están libres e propiciar outras formas de negocio, temporal ou esporádico e mesmo desenvolver actividades puntuais que axuden a encher de ambientación as instalacións”.

Permitir a apertura até ás 9 da noite para que as persoas que traballan nun turno partido non teñan que acudir aos supermercados como única alternativa para poder mercar a esas horas ou mellorar e ampliar a información sobre os alimentos que se comercializan, colocando tarxetas sobre a trazabilidade dos produtos, son algunhas das suxestións que achega o concelleiro de Lugonovo.

“Nestas datas, precisamente, a Praza debería ser un reclamo e estar chea de xente. Falamos dunha construción cun gran valor arquitectónico e histórico, que desfruta dunha ubicación estratéxica o que permitiría mesmo promocionala como recurso turístico igual que sucede con inmobles similares noutras capitais. E en cambio, a de Lugo, vai camiño de esmorecer, co amparo do deixamento deste goberno para modernizala e dinamizala”, conclúe Álvarez Arias.