¿A que agarda o goberno para regularizar o servizo de recollida de lixo?

Lugonovo pregunta para cándo prevé o goberno regularizar o servizo de limpeza viaria e recollida de lixo, que se mantén co contrato caduco dende marzo de 2017.

“Cremos que, neste caso, a escusa de que é culpa da oposición por non aprobar antes os orzamentos non lles vai servir porque estamos a falar dun expediente que pertence xa ao exercicio anterior e, cun pouco de previsión que tiveran, ao anterior do anterior. Pero aínda así temos curiosidade por coñecer a argumentación que empregarán para xustificar que unha das prestacións máis onerosas que asume o Concello (superior aos 7 millóns de euros anuais) siga a pagarse con reparos de legalidade ano e medio despois de que rematase a licitación”, reprocha Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz do Grupo Municipal avanza que a formación interperlará ao executivo sobre esta cuestión nas vindeiras Comisións de Pleno.

“A piques de rematar o mandato aínda non sabemos sequera qué modelo de xestión queren para Lugo. Tampouco transcendeu que a nova tramitación avanzase un ápice, excepto a excursión a Xixón para estudar a adaptación a Lugo do modelo asturiano e da proba, en diferentes puntos da capital, de distintos tipos de colectores para avaliar a súa eficacia, ensaios dos que, por certo, non se trasladou ningunha conclusión”, sinala a voceira.

“Dende logo, o que xa non resulta admisible é que manter en situación irregular a adxudicación conleve, ademais, unha diminución da súa eficacia, como así o constatan as reiteradas queixas cidadás polo deficiente aseo urbano”, lamenta Pérez Herráiz quen, asemade, refire unha inxustificada merma das dotaciós públicas que se van deteriorando.

“Só como exemplo, os residentes no Carril dos Loureiros levan 8 meses agardando a que lles repoñan un dos depósitos de residuos orgánicos e outro de plásticos que arderon o pasado Entroido. Entendemos que é tempo dabondo para procurarlles outros, como tamén o debera ser para resolver definitivamente a concesión“, conclúe a portavoz de Lugonovo.