¿Que custo vai ter para o Concello a iluminación de Nadal?

É o que se cuestiona Lugonovo ante a posibilidade de que algunha empresa poida reclamar pola tramitación que se fixo deste contrato.

“Tendo en conta que o prego de condicións, publicado o 5 de novembro, establecía o día 30 dese mes como data de inicio, pode ser que algunha firma interesada na licitación decidira non concorrer polo apresuramento dos prazos e, ao non respectarse estes, agora entenda que lle supuxo un prexuízo”, indica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación adianta que preguntará se xa se formalizaron queixas ante a administración por estas circunstancias e solicita do goberno, “se é capaz”, unha explicación honrada do cronograma que seguiu o procedemento de adxudicación.

“Queremos que nos aclare, ademais, se tendo en conta que a duración dos servizos prestados será menor, tamén diminuirá o seu importe. En canto quedará, se é así e, se non o é, por qué propicia e consente que a cidadanía lucense pague por algo que non recibe”, di Pérez Herráiz.

Por outra banda, Lugonovo tamén interpelará ao executivo nas vindeiras Comisións de Pleno para que dea conta das xestións realizadas tanto pola Xunta como polo Concello no que xa se pode considerar o “enésimo conflito institucional PSOE – PP”.

“Non hai recuncho da cidade alleo ás leas partidistas: o Plan Integral da Residencia, a revitalización da Tinería, o proxecto de Estación Intermodal, Hemodinámica 24 horas, o equipamento do Auditorio e agora tamén ata o respecto á Lei da Memoria Histórica. De todo pretende o bipartidismo sacar tallada electoral no canto de traballar con verdadeiro interese para atender as reivindicacións sociais”, lamenta a voceira.

Cristina Pérez asegura estar asistindo a un “espectáculo bochornoso” de enfrontamentos políticos que promete recruar coa proximidade dos comicios municipais. “Comezamos a estar fartos xa de tanta liorta improdutiva e de argumentos peregrinos por parte dos dirixentes dámbolos dous organismos, da súa dilixencia selectiva, segundo o propósito que persigan, e de que logo se xustifiquen con medias verdades. Por iso, entre outras cuestións, lle pediremos ao executivo que razoe como é posible que tarde un ano en detectar unha infracción urbanística e cómo a mesma actuación, tapar un escudo franquista, se considera ilegal nun edificio pero non no que está ao seu carón”, recrimina a portavoz.