A infancia, no centro das políticas públicas!

Lugonovo proporá que o Concello solicite a súa adhesión como Municipio Aliado de UNICEF e inicie o procedemento para obter o recoñecemento de Cidade Amiga da Infancia.

“Hai case dúas décadas UNICEF puxo en marcha este programa que pretende impulsar, dende o eido local, a aplicación da Convención dos Dereitos do Neno e o desenvolvemento de estratexias que procuren o benestar da mocidade, estimular a súa participación e converter as cidades en espazos máis habitables, especialmente para a xuventude”, explica a portavoz da formación.

Os recoñecementos concédense cada dous anos, tras un proceso de seguemento e supervisión ás localidades e institucións que se presentan á candidatura. Entre as condicións esixidas figuran, por exemplo, a potenciación de políticas favorables á nenez, o apoio á creación de Plans específicos dirixidos a este colectivo así como o fomento da participación infantil en ámbitos reservados ao efecto.

“Nesta materia, a bagaxe do noso Concello foi xa recoñecida cunha mención especial de UNICEF en 2012 que a validaba como punto de partida para obter a distinción que propoñemos e que serviría para dar continuidade á traxectoria iniciada polos anteriores gobernos municipais. Non podemos perder de vista que a principal finalidade deste selo é a de contribuír a un maior compromiso público e social en prol dos dereitos das e dos cativos e adolescentes, un obxectivo co que, agardamos, concorde a maioría da Corporación”, sinala Cristina Pérez Herráiz

A iniciativa pretende ademais promover a colaboración entre os municipios, máis dun cento, que integran esta rede no Estado e que xa se estende a 30 países.