Satisfeitos de que as nosas propostas teñan resón no Congreso!

Lugonovo amosa a súa satisfacción porque o Congreso, instara esta semana ao Goberno central a crear unha Estratexia Nacional contra a Soidade coa fin de combater unha problemática que afecta, especialmente, á terceira idade.

“O pasado mes de outubro, Lugonovo solicitaba en Pleno a creación dun protocolo que atallase este fenómeno e que tiña, entre outros obxectivos, evitar os falecementos en señardade”, refire Cristina Pérez Herráiz. “Unha iniciativa que contou co apoio unánime da Corporación e que agora nos satisface teña, tamén, resón a nivel estatal”.

A portavoz do Grupo Municipal lembra que o avellentamento da pirámide demográfica, o despoboamento do rural e mesmo os cambios que se teñen producido sobre o concepto de familia son só algúns dos factores que propician que, en Galicia, ao redor do 26% dos fogares sexan unipersoais e que, agora mesmo, máis de 120.000 persoas das que viven soas teñan superado xa a barreira da xubilación.

“Unha realidade que cómpre ter en conta e que obriga a considerar a este colectivo como un potencial grupo de risco, afectado non só pola perda de saúde senón tamén polo significativo aumento de pobreza que propiciou a crise económica”, advirte Pérez Herráiz quen remarca a importancia de acometer canto antes un estudo para detectar qué porcentaxe da cidadanía maior de 65 anos pode precisar algún tipo de atención.

“Agardamos que o acordo da Cámara Baixa sirva agora para dar impulso á nosa proposta e convidamos á Xunta a asumir con celeridade o liderado que lle corresponde tendo en conta que posúe a maioría das competencias na materia. Cremos, ademais, que se trata dunha cuestión inaprazable sobre a que o executivo local debe traballar, aínda que só sexa por unha vez, con dilixencia e sen dilacións. Non podemos esquecer que, se ben é certo que non existen datos oficiais sobre o número de pasamentos vencellados á soidade, si é posible estimar que a cifra na comunidade ronda as 200 mortes ao ano. Mesmo na nosa cidade dábase conta, o pasado 26 de novembro, hai apenas unhas semanas, da defunción dunha muller de 71 anos, no barrio de Catasol, nestas circunstancias”, sinala a voceira.

Dende a formación inciden igualmente en que é preciso que as administracións poidan dispoñer de máis recursos para mellorar o servizo que prestan a través dos programas de teleasistencia así como da necesidade de fomentar o voluntariado e a creación de redes de cooperación veciñal.