O Museo da Romanización, de novo no fondo do caixón

Que Lugo non ten un ‘goberno amigo’ na Xunta témolo claro dende hai moito tempo. A novidade é saber que, nun grao maior de desafección pola nosa cidade, o Goberno galego é agora un executivo que, directamente, despreza as necesidades de Lugo e fai chanza da bagaxe patrimonial dunha poboación bimilenaria.

É a conclusión que sacamos da entrevista que concedeu a El Progreso Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, cando afirmou que non existe unha “demanda social clara e unánime” sobre o Museo da Romanización. Nunha forma de pensar ben pouco digna do cargo que ocupa, o señor Rodríguez condicionou un proxecto capital para a consolidación de Lugo como a grande referencia do patrimonio romano no noroeste peninsular a unha conxunción de factores que non pormenorizou, e puxo en dúbida o futuro da miríade de pezas arqueolóxicas que non se encontran debidamente almacenadas, clasificadas e expostas na nosa cidade. Neste sentido, Lugonovo alertaba xa hai máis dun ano e medio de que a ausencia dun espazo aglutinante deste material supón a súa dispersión entre coleccións distintas e, en moitos casos, abandonadas de facto.

Ao subordinar o Museo da Romanización a unha “demanda social unánime” que non se encargou de definir (nin, por suposto, de incentivar), Rodríguez consuma o divorcio entre a Xunta e a cidade á hora de coidar, promocionar e difundir a riqueza histórica luguesa. Entre outros moitos ámbitos.

Máis de dez anos logo da sinatura do protocolo entre os gobernos local e autonómico para crear o Museo, o Concello de Lugo xogou un papel meramente subsidiario onde, alén de pagar os máis de dous millóns de euros que custou ás arcas municipais a adquisición do vello cuartel de San Fernando, non foi quen de facer valer a súa voz para impor na axenda autonómica unha infraestrutura ineludíbel para entender a historia da nosa cidade e para continuar no desenvolvemento da pegada romana luguesa como valor cultural, patrimonial e turístico.

Dende Lugonovo, instamos á Xunta de Galicia a abandonar a súa posición abstencionista ou, directamente, obstruínte, e contribuír á normalidade institucional que contribúa a acabar con esa fantasmagórica escusa, a inexistencia dunha “demanda social clara e unánime”. Demanda esta que en todo caso non se verá beneficiada pola presente actitude do Goberno galego. Demanda, ademais, cuxa existencia é evidente cando a cidade asumiu, durante máis dunha década, a necesidade deste Museo. Por outra banda, reclamamos do Concello decisión e firmeza á hora de reclamar a continuidade do proxecto e, en última instancia, a dignidade dunha cidade que non pode ver a viabilidade de iniciativas como esta sometida ao capricho dun goberno autonómico co ollar prendido nas Eleccións Municipais de 2019.