¿É legal o rótulo do novo Hiper Froiz?

Rótulo principal do novo hipermercado en Montero Ríos

Lugonovo advirte dunha posible irregularidade urbanística na colocación dos rótulos do Hiper Froiz de Montero Ríos.

“Non só é que o letreiro principal sobresaia da liña de edificación senón que ademais foi colocado enriba dos arcos da fachada e cremos, incumpre tamén outros aspectos da normativa do PEPRI en canto ás dimensións e cores empregadas”, indica Víctor Álvarez.

O concelleiro do Grupo Municipal adianta que interperlará ao goberno para saber se o Concello autorizou a súa instalación e tamén para coñecer se conta cos permisos pertinentes de Patrimonio, xa que o establecemento se atopa dentro do itinerario que segue o Camiño de Santiago.

“Ademais do panel a pé de rúa hai outro que, para indicar a ubicación do aparcadoiro, ocupa practicamente toda a superficie expositiva dispoñible no túnel do Carril das Frores, é dicir, xusto ás portas da Muralla e en pleno Camiño Primitivo o que pode supor que estea a contravir, asemade, o seu réxime de protección, igualmente restritivo”.

Letreiro no Camiño Primitivo

Álvarez Arias pedirá explicacións sobre os requirimentos esixidos pola administración local á empresa, polo tipo de licenza outorgada e tamén polos prazos nos que se tramitou. “Do mesmo xeito, queremos que nos indique qué persoal se encargou de supervisar a obra xa rematada e do tipo de infracción na que podería estar incorrendo, así como da sanción que leva aparellada”.

“Temos moitas dúbidas da lexitimidade destes anuncios e ante a relaxación de funcións á que xa nos ten acostumados o executivo, reclamamos a súa atención neste asunto para que certifique que non se está a cometer ningún quebranto legal nin tampouco ningún agravio comparativo con outros negocios da contorna aos que, no  seu día, se lles impuxeron moitas máis limitacións á hora de publicitarse”, conclúe o edil de Lugonovo. ��