Por un aproveitamento eficaz dos montes comunais

569 hectáreas repartidas en 1092 parcelas. É a dimensión global que teñen os montes comunais de Lugo. A de maior extensión atópase en Calde, que dispón de 26 ha, e a máis pequena, de só 11 metros cadrados, sitúase en Cuíña (Santa Eulalia). Destaca tamén que 533 non superen os mil e que 70 teñan menos de 100.

Lugonovo traslada así algúns dos datos que obtivo esta mañá do goberno, logo de interpelalo na Comisión de Medio Rural para coñecer en quén recae a xestión destes terreos.

“Principalmente nas mancomunidades de residentes dos núcleos, pese a tratarse de posesións municipais”, indica Víctor Álvarez quen propón iniciar de inmediato un proceso de regularización de todas estas propiedades.

Por unha banda, o Grupo Municipal suxire elaborar primeiramente un estudo para abordar o aproveitamento actual destas superficies coa fin de poñer a disposición da cidadanía aquelas que estean inutilizadas.

“Boa parte destínanse a monte baixo, matorral ou a uso forestal. O ideal sería saber cánta exactamente para ofrecer a restante a aquelas explotacións que queiran ampliar as súas instalacións ou para permitir a incorporación de novas actividades ao rural. As vantaxes serían múltiples porque favorecería o asentamento da poboación, o impulso do sector primario e a xeración de riqueza pero tamén suporía que as terras, agora abandonadas, tiveran un mantemento axeitado diminuíndo o risco de incendio ou a aproximación ás contornas urbanas das especies cinexéticas”, explica o edil da formación.

Por outro lado, Álvarez Arias sinala que o feito de que todas estas leiras figuren a nome da administración local pode derivar en complicacións burocráticas cando, no caso de cultivos arbóreos, as entidades que as xestionan queiran proceder á súa talla.

“A Consellería debe autorizar a corta pero, neste caso, ese permiso se concede ao seu dono, é dicir, ao Concello, polo que os beneficios que xere a operación tamén lle pertencen. Para evitar calquera tipo de conflito cremos que sería moi produtivo asesorar ás comunidades de veciños para que, aquelas que estean interesadas e conten coa documentación que o acredite, inicien un procedemento de reversión da súa titularidade, xa que moitas destas áreas foron alienadas mediante usurpación nos anos 50”, suxire o concelleiro de Lugonovo.