A Avenida das Américas, o mellor reflexo da provisionalidade coa que actúa o goberno local

Tres semanas cumpridas dende que un vehículo atravesou a medianeira da Fonte dos Ranchos nun percance de tráfico e o cadro eléctrico contra o que se esnafrou segue nesa mesma tesitura.

“O pasado 28 de novembro un turismo protagonizou un aparatoso accidente que, como consecuencia, propiciou que esta instalación, sita na zona axardinada de separación dos carrís, quedase esnaquizada. Dende entón o único que se fixo para restaurala foi poñerlle un precinto policial e rodeala dunha rede laranxa que advertira da súa situación e da conveniencia de non aproximarse”, explica Cristina Pérez Herráiz.

Dende Lugonovo solicitan ao goberno local maior axilidade para solventar este tipo de incidencias, de pouco calado e escaso custo, pero que contribúen, pola súa reiteración, a multiplicar a inseguridade peonil e a trasladar unha imaxe de provisionalidade en toda a capital.

“Nesta mesma rúa hai un valado, a altura do número 43, do que xa denunciamos a súa perigosidade para a cidadanía en abril. Trátase dun peche de madeira que delimita varios terreos e que dende a pasada Semana Santa está parcialmente derruído por mor dos temporais. Oito meses despois o dispositivo de protección segue a ser o mesmo”, lamenta a voceira da formación.

Aínda na contorna, Pérez Herráiz lembra que tampouco se fixo nada para corrixir o desnivel tan pronunciado que existe no cruzamento entre a Avenida das Américas e Marqués de Ombreiro.

“Nesta ocasión foi en xaneiro cando instamos ao executivo a instalar neste enclave, no que hai unha diferencia de cota superior a un metro, un pequeno armazón de balaústres que freara calquera posible caída. Outra medida sinxela pero que tampouco se adoptou“.

Ademais de afear a falta de intervención municipal, a portavoz de Lugonovo aproveitou para cuestionar o novo criterio co que se escolle a ubicación do mobiliario urbano, en alusión ao colector asentado no medio do paso de cebra na confluencia da Rolda do Carme con Monte Picato. “Sen dúbida, un despropósito máis e a evidencia de que este executivo non é capaz nin de facer unha chamada para que o cambien de sitio”, conclúe Cristina Pérez.