Un mandato decepcionante. Esa é a avaliación da xestión de Lara Méndez á fronte do Concello

Un chasco! Así é como resume a portavoz de Lugonovo non só os últimos doce meses de xestión de Lara Méndez á fronte do Concello senón todo o seu mandato.

“Foron tres anos e medio botados a perder – lamenta Cristina Pérez Herráiz – nos que o municipio apenas se transformou. E, en calquera caso, se o fixo foi a peor”.

A voceira da formación referiu como máximo expoñente o paradigma da mobilidade na capital. “42 meses despois Lugo segue agardando, entre outras cuestións, a que a Ora se restitúa”.

Cristina Pérez baseou o seu descurso do Pleno do Debate do Estado do Concello na enumeración das distintas problemáticas que afectan ao termo municipal, abondando, especialmente no tráfico urbano. Así salientou que, a 26 de decembro, o único aparcamento disuasorio habilitado era o do Adif,  e, dentro dos municipais, o malogrado leiraparking.

“Foi todo canto vimos materializado neste 2018. Unha área de estacionamento, por certo, máis similar a unha lameira que a un aparcadoiro, que aínda que dea servizo hai que ver en qué condicións o dá. E para iso precisaron tres anos de burocracia”, sinalou a portavoz.

“Polo demais, non hai nin un só aspecto que melloraran en todo este tempo. ¿Temos novas liñas do transporte público? Non. ¿Temos un sistema de información ao respecto automatizado e eficiente que dea servizo á cidadanía? Non.  Ao contrario, incluso o pouco que se está a executar, como é a peonalización da Praza da Milagrosa, quedou empañado pola improvisación coa que abordaron a modificación do itinerario do bus. Unha medida que tiveron meses para organizar pero, á vista do resultado e das infinitas queixas que motivou, ou non quixeron ou non souberon facelo nin tampouco corrixilo. Agora deberán aclararnos se foi deixamento ou incompetencia”.

A voceira de Lugonovo insistiu en que “dende a bancada da oposición non nos queda outra que reiterarlles unha avaliación común á efectuada pola cidadanía e que se reduce a un único substantivo: a parálise.  Unha apatía e un desleixo que vostedes tratan de retorcer culpabilizando ao resto da Corporación por non aprobar os orzamentos do exercicio en vigor. Mais se pensan que a alguén, a estas alturas, lle convence un argumento tan peregrino, están tan equivocados como no errático rumbo político no que sumiron a este Concello”.

Pérez Herráiz botou man do calendario para desmontar “o calado dos enganos socialistas” cun exemplo evidente. “¿Onde están as contas deste exercicio? ¿E o proxecto para os presupostos do 2019? ¿Non cren que para contar con algún apoio primeiramente deberan presentar os documentos en tempo? ¿Ou tamén é defecto noso que nunca se axusten aos prazos?

Nesta materia, contan vostedes no seu haber cun orzamento prorrogado, que de seguro serán dous. E con outro aprobado en minoría e ligado a unha cuestión de confianza que, por riba, son incapaces de efectivizar como tampouco executaron o expediente de modificación de crédito que, ese si, a oposición, lles permitiu sacar á primeira en agosto do 17. ¿Cal é o motivo entón de que eses cartos se perderan e fora preciso xerar unha nova consignación para moitos dos investimentos que contemplaba? Como sucedeu co equipamento das salas museísticas da cidade ou as obras de reparación da sede da Policía… e ¿a cuberta e humanización de Quiroga Ballesteros? Cóntenos tamén, de paso, que foi dela”.

“Porque reitérase vostede, señora Méndez, en que todo o están a tramitar. Sen embargo, dende a oposición nunca conseguimos saber exactamente o estado dos procedementos, nin quén os asume, nin cándo estarán rematados, nin tan sequera nos permiten contrastar que verdadeiramente os estean a xestionar. O que vemos é outra cousa completamente distinta. Que aqueles contratos que estaban caducos en 2015 ou que remataron pouco despois, seguen na mesma situación. Sobran os exemplos: dende o servizo do guindastre, que tras dous anos segue sen adxudicar, pasando polo de atención ao público nos Museos ou no Vello Cárcere e mesmo o da recadación tributaria que continúa en avaliación dende abril. De igual xeito que seguimos agardando polo do ciclo da auga, a recollida de lixo e limpeza viaria e así un longo etcétera sobre o que non hai perspectiva de regularización”.

“É obvio que, a este ritmo, Lugo non pode progresar. Da súa man só se estanca ou retrocede. Que conste que esto último cómpre matizalo, porque para aquelo que lles interesa sí amosan maior dilixencia. Véxase o contrato do World Padle Tour ou a subvención para o Caudal Fest que resolveron dun día para outro. En cambio chegan tarde a algo tan simbólico e periódico como é a iluminación de Nadal e pode que non cheguen sequera a cuestións tan transcendentais como os proxectos previstos no Dusi nos que, fai agora un ano, baseou toda a súa intervención neste mesmo Pleno. Alardeaba daquelas da captación de fondos europeos por valor de 22 millóns de euros, diñeiro que moi probablemente sairá agora voando pola porta porque dentro do Muramiñae non foron capaces de facer máis ca unha oficina na planta baixa da Casa Consistorial.

Á vista dos feitos ou, mellor dito, de todo o non feito, sí lles temos que recoñecer unha cousa, que a súa palabra perdeu toda credibilidade. Todo canto anuncian remata sendo marketing do barato, menos mal que, polo menos, este ano, deixaron o atril gardado na alcaldía”.

Pérez Herráiz continuaba a súa exposición convidando á rexedora a botar unha ollada dentro do Concello.

“Ten vostede aos traballadores enfrontados, nun clima de crispación persoal e laboral coma nunca se viu nas últimas décadas. Entre os propios compañeiros, os sectores sindicais e profesionais e tamén cos dirixentes políticos.  Por non falar da inseguridade que sofren os docentes da Escola de Música. Un servizo importantísimo para a cidadanía e que agora cambalea. Dispuxeron de dous anos para solventar esta cuestión pero preferiron quedarse de brazos cruzados e fiar a Santa Bárbara”.

A portavoz de Lugonovo lembraba que continúan pendentes as causas pola Fábrica da Luz e o Garañón. “Outra xestión de dez, tan dilixente e eficaz que poida que esteamos ante as novas hipotecas do futuro deste Concello. Esas e as que nos agardan mediante a exención do IBI á Xunta, primeiro polo Auditorio, e logo polo Centro Integral de Saúde da Residencia. A ver se é capaz algún día, señora Méndez, de explicarnos qué asinou, a qué centros sanitarios inclúe, por cánto tempo teremos que apandar coa súa exitosa negociación – se 4, 6, 8 ou 16 anos, de addenda en adenda e de protocolo en protocolo –  e por qué se lle perdoa un millón e medio de euros ao goberno galego por equipar o inmoble de Magoi por debaixo da contía que se vai aforrar en impostos”, advertiu Cristina Pérez.

“En conclusión, dende este Grupo Municipal non podemos máis que considerar que a xestión desenvolvida por este equipo de goberno non supuxo en ningún caso a solución dos problemas que ten a institución, non propiciou a rexeneración democrática que tanto precisaba o Concello nin tampouco mellorou en nada a calidade de vida da veciñanza. É coma se, ao espertar hoxe, seguíramos a 26 de maio de 2015 e non a 26 de decembro de 2018”, sentenciou Cristina Pérez Herráiz.