Varios incidentes en San Roque poñen en tea de xuízo o Plan Invernal do Concello

Lugonovo preguntará polas indicacións que recolle o protocolo establecido no Plan Invernal do Concello de Lugo.

A formación advirte que as baixas temperaturas e os carazos dos últimos días propiciaron multitude de incidencias na capital, especialmente en barrios de orografía tan complexa como é o de San Roque.

“Temos constancia de que nesta semana rexistráronse varias caídas de transeúntes nas inmediacións do Centro de Saúde. Nun deses casos foron os propios veciños os que impediron que o percance tivera consecuencias maiores ao evitar que un carriño de bebé saíra despedido sen control pola calzada tras esvarar a súa nai nunha placa de xeo”, relata a voceira do Grupo Municipal.

“Cremos que, a pesar da claridade das advertencias feitas dende os servizos meteorolóxicos que prognosticaban unha vaga prolongada de frío en toda a provincia, o goberno non estivo a altura das circunstancias. Unha vez máis erraron na previsión e mesmo semella que escatimaran en recursos á hora de precaver accidentes”, reprocha Cristina Pérez Herráiz ao tempo que adianta que interpelará ao executivo nas vindeiras Comisións para que explique quén se encarga do dispositivo na zona urbana e, sobre todo, se dentro dela existen contornas ou rúas prioritarias atendendo a factores de perigosidade como os condicionantes topográficos ou as dificultades de mobilidade peonil nas que derivan.

“Queremos saber por ónde se esparexeu sal, cánto e cándo se botou e en base a qué criterios se escolleron esas áreas así como se se descartou algunha outra e os motivos da exclusión – di a portavoz – porque moito nos tememos que tódolos esforzos se concentraron no Casco Histórico o que propiciou que outras partes da cidade quedasen descoidadas en prexuízo da seguridade da súa veciñanza”, conclúe Pérez Herráiz.