Cohousing: Alternativas autoxestionadas de vivenda e coidados para maiores

A Asociación Mancomún organiza en Lugonovo a xornada “Sempre en común. Solucións habitacionais para compartir coidados entre maiores”. O encontro, onde participarán persoas ligadas a experiencias prácticas de cohousing de diversas entidades, presentará modelos alternativos de coidados e vivenda para unha vellez máis activa, con especial fincapé na autonomía persoal. Deste modo,“Sempre en común”percorrerá distintos modelos autoxestionarios que poden responder as necesidades específicas das persoas maiores á vez que se centran no tecido de redes de apoio mutuo, afectivas e colaborativas.


A base do cohousing son vivendas colaborativas, autoxestionadas, onde comunidades de persoas maiores conviven, compartindo espazos comúns e coidados á vez que manteñen a independencia dos espazos persoais e a propia a intimidade.

A xornada contará coa presenza de Javier Souto María Luisa Massò (Asociación Meridiano), Rogelio Ruiz (Trabensol) e Paco Novo (Unión Democrática de Pensionistas).

“Sempre en común” terá lugar mañá, mércores 16 de xaneiro, a partir das 19:30h no local de Lugonovo, na Ronda da Muralla 164.