É o Concello o que adoece de mando, non a Policía Local

“Decreto vai, decreto vén pero o caos continúa”. Así é como sintetiza a portavoz de Lugonovo a situación que se está a vivir na Policía Local.

Cristina Pérez Herráiz carga tintas contra a alcaldesa e achaca á súa ausencia de determinación que o corpo municipal se atope actualmente desmantelado.

“Onde está a falta de mando é no Concello, non na Policía. Quen preside a Corporación sabía dende hai tres anos que, chegado este momento, se formalizarían ao redor dunha vintena de xubilacións que mermarían o servizo e, sen embargo, non moveu un só dedo, dos que agora emprega ao asinar resolucións a destra e sinistra, para garantir en tempo a reposición de todos eses efectivos”, reprocha.

A voceira da formación tacha de “esperpento” o encadeamento de ordes erradas emitidas pola rexedora dende que comezou o ano, de maneira que “cada capítulo ao que asistimos nesta sorte de parodiadesprovista de toda graza, resulta máis bochornoso que o anterior”.

“Xa está ben de dar paus de cego. Toda canta decisión leva adoptado, ao respecto, este equipo de goberno só serve para ridiculizar as súas capacidades e para poñer en evidencia non só a súa autoridade senón tamén os seus coñecementos sobre o funcionamento da administración”, sinala Pérez Herráiz.

A portavoz de Lugonovo insta a alcaldesa a asinar un decreto definitivo: “o que amplía a xornada laboral dos axentes até as 37 horas e media e os equipara en horario co resto dos funcionarios. Sabemos que non é a solución definitiva ao descontrol que se vive na Policía pero, cando menos, axudará a paliar a sensación de inseguridade que lle transmite á cidadanía o feito de que, moitas xornadas, só estean unha ou dúas patrullas operativas por turno, por non falar da lamentable imaxe que reflicte o rumbo que está tomando o serial no que xa se converteu este conflito”.

“Todas as consignas da señora Méndez acabaron anuladas o que di moito da súa eficacia á fronte da institución. Pouco se podía esperar, eso tamén é certo, cando leva todo o mandato en actitude contemplativa consentindo o esborrallamento da maioría dos departamentos; dende o de arquitectura, aos electromecánicos non hai área que non sucumbise xa ao despropósito no que se traduce a súa xestión”, conclúe Cristina Pérez.