Despois de tres anos de rodeos, os hortos dos Paxariños seguen sen entregar

Foi un acordo ao que Lugonovo chegou co goberno para apoiar os orzamentos de 2016. En xuño do 17 aprobouse a ordenanza reguladora da concesión e en abril do pasado exercicio foron adxudicados. A mediados de xaneiro de 2019 os hortos urbanos dos Paxariños seguen, en cambio, sen entregar. A formación cuestionase o por qué desta prolongada demora.

“O pasado setembro o goberno argumentou que fora preciso retrotraer o expediente por un erro administrativo acaecido na admisión de solicitantes pero que nese momento o concurso xa se atopaba en fase de exposición pública e que no mes de outubro todo estaría listo para outorgar definitivamente as parcelas por dous anos vexetativos”, explica Víctor Álvarez lembrando a resposta ofrecida polo responsable de Desenvolvemento Sostible a preguntas presentadas con anterioridade pola formación.

“Sen embargo a conclusión é que, despois de semellante periplo, os terreos levan case un ano acondicionados pero sen proveito para a cidadanía até o punto de que antes de poder explotalos será preciso limpalos e preparalos outra vez para o cultivo”, lamenta o edil do Grupo Municipal, quen adianta que “de novo, interpelaremos ao executivo para saber cales son agora os motivos deste atraso e cándo estima facer efectiva a cesión. Non entendemos a qué é debida semellante perda de tempo”.

Dende Lugonovo, Álvarez Arias insiste na conveniencia de desenvolver, de forma parella á asignación destes espazos, varias actividades que poñan en valor o seu rol social e sustentable así como mellorar a visibilización desta práctica para aumentar o seu atractivo entre a veciñanza. “Igualmente poderíanse promover outro tipo de accións como a creación de xardíns comestibles, que mesturen vexetais e especies aromáticas para que exerzan, asemade, unha función ornamental e paisaxística dentro da cidade. Incluso implantalos como unha ocupación lúdica e terapéutica nas comunidades xeriátricas”, suxire.

Para o concelleiro resulta moi importante facer unha axeitada divulgación destes terreos agrícolas e da súa versatilidade, para o que propón organizar reunións abertas entre os horticultores, visitas escolares e mesmo algún tipo de certame expositivo no que se recoñezan os hortos cunha presentación máis coidada ou cos mellores produtos.