A N VI, un gran vertedoiro incontrolado

Mobles, plásticos, entullo e mesmo colchóns, roupa e váteres. Os refugallos acompañan a andaina polos camiños que conducen ao río Miño a altura dos núcleos de Rosende e Xián.

O Grupo Municipal Lugonovo denuncia que, en pouco máis dun kilómetro, na continuidade das Rúas Filgueiro e Rei Chiquito é posible atopar, nestes momentos, cando menos, catro focos destacados de concentración de lixo.

“Námbalas dúas marxes da Nacional VI, hai acumulados grandes voluminosos, como armarios, electrodomésticos e incluso cascallos de obra. Residuos contaminantes, que prexudican e afean a paisaxe e que cómpre retirar canto antes para evitar que a súa presenza se convirta nunha invitación a seguir enchendo a contorna de sucidade”, explica Cristina Pérez Herráiz.

A portavoz da formación cre que a súa existencia demostra, por unha banda, o desleixo do goberno para co rural e, pola outra, que os recursos que a administración local puxo en marcha para evitar os vertedoiros incontrolados son insuficientes.

Eivas que, a xuízo da voceira, deberan compensarse cun reforzo dos medios dispoñibles para combater este tipo de condutas. “É xa a segunda vez que advertimos desta situación nos mesmos emprazamentos. Resulta evidente que é preciso aumentar a vixilancia e enfatizar as campañas de concienciación pero tamén incrementar as dotacións e adaptalas ás demandas da veciñanza, axilizando a súa resposta” – apunta Pérez Hérráiz – quen lembra a proposta da agrupación para dotar con dous puntos limpos móbiles ao municipio. “Un compromiso de 2016 que  resulta evidente, o executivo preferiu gardar, como tantos outros, no caixón do esquecemento”, reprocha Cristina Pérez.